Jesús Vázquez Almuíña
Licenciouse en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e exerceu como médico dende o comezo da súa carreira profesional no policlínico de Povisa, en Vigo. Entre 1994 e 1996 accedeu a unha praza en Segovia, pero en 1997 volveu a Vigo e en 1998 pasou a traballar no Hospital Meixoeiro de Vigo. En 2001 foi nomeado director-xerente dese hospital e en 2003 pasou a ser director provincial do SERGAS en Pontevedra.
Cabeza de lista polo Partido Popular de Galicia nas municipais de 2003 en Baiona, o seu partido sofre un revés ao baixar dous concelleiros e perder a alcaldía. Porén, en novembro de 2004, e grazas ao apoio de Coalición Miñorana e dos Veciños Independentes de Baiona, accede á alcaldía mediante unha moción de censura[1]. En 2007 revalida a vitoria electoral, aumenta tres concelleiros, e chega a pacto coa Coalición Miñorana para manterse na alcaldía. Nas municipais de 2011 volveu ser elixido alcalde, agora con maioría absoluta. Nas municipais de 2015 volveu ser elixido alcalde, tamén con maioría absoluta.[2]
Ademais, dende xuño de 2003 é deputado na Deputación de Pontevedra.
En outubro de 2015 foi nomeado Conselleiro de Sanidade,[3] e o seu curmán, Ángel Roldal Almuíña tomou o relevo na alcaldía de Baiona.[4]. Foi elixido deputado no Parlamento de Galicia nas autonómicas de 2016. En xaneiro de 2017 renunciou ao seu cargo de deputado no Parlamento de Galicia[5].
En setembro de 2020 Alberte Núñez Feijoo prescindiu del na formación do novo goberno que seguiu ás eleccións galegas dese ano, durante a pandemia da COVID-19.
Dende novembro de 2021 é o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo