Cal prefires: mandona, autoritaria, mangoneadora ou mal fodida? Só polo feito de ser a que opina, a que disente, a que toma as decisións, a que dirixe, a xefa.
Son ambiciosa e aprópiome das miñas paixóns, desexos, sabedoría, conviccións, liderado e compromiso coa vida. Abro camiño ao emprender, ao asumir retos e responsabilidades, ao expoñerme dende a miña vulnerabilidade, ao dirixir desde a escoita. É algo a celebrar e non a reprochar.
Ao inicio da miña andadura adulta, insegura sobre min mesma e sobre as miñas opinións, sentíame afagada por ter sido admitida no mundo preeminentemente masculino do Pensamento e da Arte. Non me atrevía a facer ou dicir algo que puidese molestar. Parecíame que debía facerme perdoar pola miña pretensión creativa e que debía ocupar o lugar “privilexiado” que se me outorgaba como obxecto pasivo, bonito e sen reivindicacións inda á custa de perder a miña liberdade. Fomos criadas para pensar que é moi importante gustar ás demais persoas e iso exclúe amosar rabia, agresividade e disentir.
En moitas ocasións aconselláronme “polo meu ben” ser menos sensible, egoísta, charlatana, impaciente, escandalosa, tallante, susceptible, independente, hedonista, perversa, sabichona, esixente, colérica, intensa, provocadora, resabida, sexual, feminista, vingativa, irreverente, ... Hoxe toda esta lista de adxectivos paréceme marabillosa e até divertida xa que é con tremendo gozo que podo vivir todo o que son en cada segundo da miña vida. Doume de conta de que ser a “muller demasiado” é estar viva. Desfruto da aventura incerta que é asumir por min mesma a miña existencia dándome o meu propio lugar para ocupalo completamente.
Arde o meu lume cardinal lunar alimentando a miña enerxía de decisión e impulso creativo de alta voltaxe neste novo ano astrolóxico que comeza.
Muller: abrázate enteira, ámate enteira, brilla dende o interior e en paz contigo mesma. Sé a líder que estás chamada a ser e mantén viva a fogueira da túa propia voz.
#nonsonmandonasonaxefa