Desde Ferrol chega SóS, un potente e peculiar powerdúo de rock alternativo que aposta por romper moldes co seu son directo e sen artificios. Formado por Adrián (batería e coros) e David (baixo e voz principal), ambos con máis dunha década de experiencia musical, o grupo destaca por facer vibrar ao público empregando unicamente dous instrumentos.
A súa proposta xorde da experimentación sonora que comezaron no segundo semestre de 2023, inspirados por bandas como Royal Blood, The White Stripes ou Arctic Monkeys. Tras meses de ensaio, efectos e amplificacións, deron coa clave dun son fresco, contundente e cheo de personalidade, construído sobre dúas liñas de guitarra, unha de baixo e unha batería con ritmos pesados e enérxicos.
Xa en 2024, SóS deu un paso máis comezando a compoñer temas propios, cun estilo definido e cheo de identidade. A día de hoxe contan con 10 composicións orixinais, das cales 6 xa foron gravadas e formarán parte do seu primeiro EP, titulado Volume Un, que verá a luz no mes de maio. O primeiro adianto, o single Pelea, está dispoñible en todas as plataformas dixitais dende o 27 de febreiro.
O pasado 29 de marzo marcaron o seu debut en directo cun concerto na sala Room de Ferrol, iniciando así a súa andaina polos escenarios galegos. Xa teñen pechadas varias datas en salas da zona, e coa mirada posta no futuro, agardan seguir enchendo esta historia con novas paradas en cidades e vilas de toda Galicia.
SóS reivindícase como unha proposta nova, potente e sen complexos, disposta a deixar pegada no panorama musical alternativo galego.