Hoxe tivo lugar a presentación oficial da décimo sétima edición da Semana de Poesía Salvaxe - A Palabra Encarnada, un festival que cada primavera transforma Ferrol no corazón poético de Galiza. Dende 2008, máis de 170 poetas pasaron por esta cita imprescindible que enraíza na cidade a través da palabra, a emoción e o compromiso colectivo coa cultura viva.
Os días 24, 25 e 26 de abril, Ferrol volverá vibrar coa forza dos versos, que tomarán prazas, rúas, mercados e espazos cotiáns para darlles nova vida. Porque, como lembraron na presentación, “a poesía é esa fascinante utilidade do inútil”, un xeito de habitar o tempo, de resistir e rir, de crear comunidade nun mundo que precisa da palabra como ferramenta de beleza e denuncia.
Nesta edición, o festival reafírmase como un espazo plural e diverso, grazas ao apoio apaixonado de colectivos culturais, entidades sociais, cidadáns e establecementos locais que abren portas e corazóns á poesía. Entre os colaboradores destacan a Associaçom Cultural Artábria, Centro Cívico de Canido, Fuco Buxán, Radio Fene, AC Medulio, Ateneo Ferrolán e IVO Gráficas, así como bares e locais emblemáticos da cidade como Manchita Cosa, Papillon, O Xustiño ou Café DOVER.
A organización quixo agradecer especialmente o apoio constante da Concellería de Cultura de Ferrol, clave para manter viva esta celebración da palabra nos dous últimos anos. A Semana de Poesía Salvaxe non só é un festival, senón unha mostra da forza do colectivo e da capacidade da poesía para xermolar incluso nos tempos máis difíciles.
Ferrol prepara os seus espazos, e tamén a alma, para deixar que a poesía os atravesase: como grito, como silencio, como encontro. A poesía, unha vez máis, estará salvaxe.