As transformacións marcan o ritmo de Zavala, unha das bandas máis vangardistas do panorama actual segundo a crítica, e que conta co talento da cantante e frautista ferrolá Carla Romalde.
Logo do éxito do seu primeiro traballo, chegan agora con novo disco baixo o brazo: "Pequeno Manual para Grandes Cambios II (Teoría e Práctica)", publicado a finais de marzo coa discográfica local Ferror Records. A presentación na cidade será o 17 de maio, Día das Letras Galegas, e terá lugar no barrio de Canido, lugar moi especial para a banda, pois foi alí onde ofreceron o seu primeiro concerto, un domingo á hora do vermú. Na cita de Canido tamén participarán outros proxectos musicais e a festa rematará cunha foliada popular. Pero Zavala xa ten na axenda outro soño por cumprir: unha futura data aínda por concretar no teatro Jofre, un escenario que Carla xa pisou con só 19 anos da man do pianista Iago González.
Zavala complétano Elena Zas ao piano e voces, Víctor Ledo na guitarra, composición e electrónica, e Carlos Castro “Kos”, encargado da electrónica, produción e deseño audiovisual.
Este segundo disco dá continuidade ao primeiro, mantendo liñas e texturas, pero abríndose a novas colaboracións, como a das cantareiras Atalaias de Caión, que participan en temas como o dedicado á parroquia de Santa Marta de Ortigueira. Estas colaboracións poderían repetirse en concertos da xira, segundo o formato e espazo.
E como se encaixa a tradición nunha proposta como a de Zavala, tan lonxe da “neotrad”? Carla responde: “Somos moi eclécticos”. Así, no repertorio conviven temas como Retrouso do Barqueiro con outros máis experimentais como Neptuno.
E atención, porque xa traballan nun terceiro disco, que marcará un cambio radical: novo estilo, novos sons, e unha mensaxe máis contundente e reivindicativa. Este disco formará parte dunha triloxía de corte literario, na que a electrónica terá aínda máis peso.
A música de Zavala tamén transcende os escenarios. O segundo disco acompaña o documental “Adeus vista dos meus ollos”, dirixido por Marisa Moreda e centrado na realidade do alumnado migrante. A propia Carla participou nun dos pases en Vilagarcía, augurando un longo percorrido ao proxecto.