Un total de 18 establecementos de Fene participarán esta fin de semana no Outlet de Fene, unha iniciativa impulsada polo Concello co obxectivo de dinamizar o comercio local e fomentar as compras de proximidade. Durante os días 7, 8 e 9 de marzo, a veciñanza poderá aproveitar descontos especiais en produtos de moda, calzado, complementos, deporte, xogos e moito máis.
Os comercios que se suman á nova edición deste Outlet son: A Tenda Agasallos, Berline Boutique, Bualá, Calzados Locay, Cáprica Cómics y Juegos, DaMa Fene, El Baúl de Bego, Jomer, Kenia, Koralli Boutique, Lencería Loly Calvo, Lualé 114, Más Sport, Mayka Moda, Costuras Mercería e Lencería, ZSR Zapatería, Un Pedacito de Mí e Mi Pachu.
O evento desenvolverase en diferentes horarios: venres e sábado, de 10:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:00 horas; e domingo de 11:00 a 13:30 horas.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira, destacou que “o Outlet de Fene é unha excelente oportunidade para que os comercios locais poidan dar saída ao seu stock e para que a veciñanza poida beneficiarse de importantes descontos sen saír de Fene”. Ademais, subliñou que este tipo de iniciativas “son fundamentais para dar visibilidade ao comercio local, fortalecer a economía do municipio e fidelizar a clientela”.
Fene vístese de morado polo 8M
Coincidindo co Día Internacional da Muller, os establecementos participantes, adheridos á Asociación de Comercio, Hostalaría e Servizos “O Cruceiro”, incorporarán a cor morada nos seus escaparates como mostra de apoio á igualdade. O Concello tamén decorará en morado as sociedades do municipio e anima ao resto de negocios a unirse a esta iniciativa de visibilización.
O Concello de Fene invita á veciñanza a aproveitar as oportunidades deste Outlet, apoiar o comercio local e gozar dunha fin de semana de compras con descontos exclusivos.