Eoghanxo unit, o novo proxecto musical do gaiteiro moañés Anxo Lorenzo e mais o violinista irlandés Eoghan Neff, estréase ao vivo no Teatro Jofre de Ferrol o vindeiro sábado 25 de maio ás 20:30 do serán nun concerto abalado pola experta traxectoria dos catro compoñentes da banda a crear música que combina a tradición das melodías irlandesas e galegas cos ritmos e harmonías
da actualidade. Anxo Lorenzo e Eoghan Neff levan colaborado en diversos proxectos musicais desde hai máis dunha década, sempre combinando a esencia dos ritmos folk e celtas en consonancia con achegas técnicas do noso tempo como o emprego de loops en directo con tecnoloxía analóxica, sintetizadores e incluso a mestura entre instrumentos puramente analóxicos como o asubío, coa intención vangardista de interpretar melodías máis preto do tecno ou do dance a través da gaita galega. Un violín rápido, potentísimo e tamén xenerosamente xentil cando se precisa, tanto no emprego do arco como das diferentes técnicas de interpretación que Eoghan require do instrumento, realizan o camiño de guía xunto coas gaitas, whistles e asubíos da memoria das Rías Baixas. Completan a achega Jorge Juncal aos teclados e José Stewart á batería e percursión, ambos músicos de longa traxectoria, en proxectos de diversa índole tanto no país coma no estranxeiro, envolvendo as melodías de eoghanxo unit coa forza e sabedoría do pulso rítmico, o toque xusto de intesidade e pracer para convertelas nunha experiencia que quenqueira que acuda este sábado ao Jofre non poderá esquencer.
A música desta nova banda de orixe galego-irlandesa nace desde a tradición e tece os camiños pola experimentación e a procura do celme sentimental que crea comunicación sen verbas entre culturas. Música viva e ao vivo para unha tarde de sábado marcada na memoria.