O programa Unha científica visita o noso cole, no que o concello colabora con con AMIT Galicia está dirixido a alumnado de segundo ciclo de primaria dos colexios públicos da cidade e servirá para visibilizar o papel das mulleres nos diferentes ámbitos científicos e tecnolóxicos, así como contribuír a crear referentes para que as nenas se acheguen á ciencia.
As mulleres que ofrecerán charlas aos nenos e nenas nos diferentes colexios
serán a doutora pola Universidade da Coruña no Programa de Ciencias
Sociosanitarias, María Jesús Movilla Fernández,que falará sobre A muller como
enfermeira e científica; a doutora pola Universidade da Coruña no programa de
Enxeñería Naval e Industrial, Lucía Santiago Caamaño, co relatorio A
enxeñaría naval tamén é cousa de chicas; a doutora en Dereito, Asunción
López Arranz, coa poñencia sobre Muller xurista, compromiso coa igualdade; a
doutora pola Universidade da Coruña no programa de Ciencia e Tecnoloxía de
Polímeros, Ana Ares Pernas, coa charla Deseñadoras do futuro: plásticos e
impresión 3D; a enxeñeira industrial, Laura Castro Santos, que falará sobre A
enerxía das mulleres; a enxeñeira naval e o oceánica pola Universidade da
Coruña, Laura Alonso García con Aventuras no mar; a súa ciencia e as súas
científicas; e a doutora en Física e coordinadora de AMIT Galicia, que tamén
participou na rolda de prensa, Ana Jesús López Díaz, que impartirá unha charla
sobre Mulleres facendo ciencia con láseres.
Esta última destacou a importancia de impartir charlas nos diferentes colexios
“para visibilizar o labor das mulleres científicas”, uns relatorios nos que o
alumnado adoita participar de xeito moi activo”, xa que saen da rutina lectiva e
sérvelles como motivación.