Zavala é un dos proxectos musicais nos que está implicada como vocalista a ferrolá Carla Romalde , xunto con Ana Lage, Elena Zas , Carlos “Kos” Castro e Víctor Ledo. Letras, intimistas e persoais, colorean o amplo abano musical, que vai desde o máis acústico e simplista a pasaxes máis sintéticas. Zavala aséntase na música en galego cunha proposta innovadora, contemporánea e moderna que mira de fronte ás novas texturas sonoras, con guitarras sintetizadas, samples, sintetizadores e bases electrónicas, que mesturan de maneira natural con guitarras acústicas, pianos, frauta travesera ou acordeón. Xa está na rúa o seu álbum debut, Pequeno manual para grandes cambios I (teoría e práctica), que aproveitamos para presentar o longo da semana.