Asociación de Gaiteir@s Galeg@s celebrará outra edición das Xornadas de Baile Tradicional, este domingo, día 3, no CEIP Nicolás del Río, en Cedeira. Comezarán ás doce cun obradoiro de Olga Kirk sobre o baile solto en Santa Comba, e seguirán ás catro da tarde con outra sesión dirixida por Xisco Feijoó sobre as formas da música e a danza nas jotas antigas do serán.
O remate chegará da man de Sergio Cobos, que tratará os Bailegramas, a partir das 17.45 horas. A Deputación da Coruña patrocina esta actividade, na que colaboran o Concello de Cedeira e a Asociación Cultural Buxainas.
As xornadas naceron co propósito de «cubrir a demanda existente por parte dos socios e dun gran público interesado neste aspecto da tradición galega», subliñan os promotores. Pretenden «difundir a cultura tradicional e fomentar estes encontros, necesarios e útiles».
As inscricións deben facerse nos teléfonos 986 847 074 ou 982 229 966 ou enviando un correo electrónico a [email protected] indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail. As prazas son limitadas.