Representantes do Concello de Narón desprazáronse na tarde de onte ata o polígono de Río do Pozo para amosar o seu apoio ás reivindicacións do sector de autónomos do transporte de mercadorías e pequenas e medianas empresas. “Trátase dun sector que durante a pandemia sufriu tamén os graves efectos da diminución da súa actividade e ao que se suma agora o encarecemento do prezo dos carburantes, entre outros problemas, o que non fai máis que afogar a uns profesionais, abocándoos a unha situación crítica”, asegurou Ferreiro.
A rexedora local conversou con representantes do colectivo afectado
que pasaron a noite no estacionamento de camións de Río do Pozo e
comprometeuse a instalar na zona unha carpa –xa operativa- e un baño
químico –que se colocará hoxe mesmo- para que poidan utilizar na zona.
Ferreiro recoñeceu a importancia dos problemas derivados da folga iniciada o pasado luns e incidiu na necesidade de que “os problemas, que
lamentablemente están afectando a outros sectores e servizos, se solventen de xeito pacífico, apostando pola vía do diálogo entre as partes para retomar canto antes a normalidade”. Como mostra de solidariedade co colectivo, indicou a rexedora local, os tractores do servizo de desbroce estarán parados durante estes días.