A alcaldesa, Marián Ferreiro, recibiu o pasado sábado no Concello ao presidente da empresa CHTC Motors, Yan Yueli, o seu asesor, Liu Lin, e os mandatarios en España Yigam Chen e Pedro Pérez Lama, xunto cos edís de Urbanismo, Manuel Ramos, e Promoción Económica,
David Pita, respectivamente. A rexedora local e os concelleiros reuníronse cos empresarios chineses e os seus acompañantes no despacho de Ferreiro para
unha primeira toma de contacto presencial tras varias conversas mantidas nos últimos meses para estudar a posibilidade de que implanten as súas instalacións no polígono de Río do Pozo. A alcaldesa explicou que os empresarios chineses, con firmas adicadas ao mundo do motor eléctrico e propietarios dun holding de renovables, motores eléctricos e de combustión de hidróxeno, figuran entre o ranking das 250 empresas máis importantes de China. A intención dos empresarios é poñer en marcha unha empresa de montaxe de autobuses eléctricos (E-BUS), o que suporía un investimento duns 90 millóns de euros e xeraría algo máis dun milleiro de postos de traballo.