O colectivo para a acción musical Enclaves de Son tomou a rúa a pasada fin de semana para reivindicar que o espazo urbano forme parte dun tecido cultural san nestes tempos de pandemia para achegar a arte á xente e ocupar enclaves diferentes aos espazos escénicos formais. Tratábase de chamar a atención das institucións sobre a situación particular, humana e económica dos artistas que levan máis dun ano desaparecidos de tabernas, bares, prazas, locais sociais, rúas, feiras, romarías, hoteis, restaurantes e salas diversas. Os integrantes do colectivo sinalan que isto non só afecta os músicos e ás súas economías, senón tamén «á saúde psicolóxica da sociedade e á vitalidade da cultura na base, é dicir ás persoas». Por iso desde Enclaves de Son reclaman e apostan por facer posible que a música volva ás rúas con dignidade como en moitas cidades do mundo. Por iso, Eugenia Sanmartín, Roman Verdeal con Fausto Escrigas, Manolo Bacalhau, O Chigri e Roger de Flor levaron a cabo esta acción reivindicativa actuando o pasado sábado e domingo nas terrazas de rúa Real, Pardo Baixo, Praza do Callao, o Cantón e Praza Real de Pontedeume demostrando que a cultura é segura.