Logo de meses de traballo hai unhas semanas abria no Centro Cultural Torrente Ballester Ferrol a exposición "Andrés Do Barro: Pop, Saudade e Memoria. Unha Ollada dende Ferrolterra". Unha exposición que pode ser visitada ata o proximo 23 de maio e que ofrece un repaso pola vida de Andrés do Barro a través de fotografías, revistas, discos, manuscritos, carteis de cine e obxectos persoais que poñen de manifesto a súa vinculación coa cidade (notas e cadernos do Tirso de Molina, DNI...).
A exposición ten un espírito realmente vivo, xa que a principal achega que fai, é o disco tributo a Andrés do Barro que conta coa participación de 15 formacións de Ferrolterra interpretando as súas cancións. Unha produción de Ferror Records que conta coa axuda inestimable de Ramalama Music e José Ramón Pardo. No disco que iremos presentando dia a día con Fernando Fernández Rego conta con version de temas de Do Barro realizados por Amparo Arias, Os Peregrinos, Bang 74, Los Eternos, Todo el largo verano, Lume, Faltriqueira, Papi e Mami, Feed the Pet, Daniel Alonso (Ninhodaguia), DEVALO, Willie & Winnie, Oscar Quant (Quant), Jacobo & Alberto e The Harriers.
O disco inclúe un libriño con fotografías e un texto que repasa a figura de Do Barro e a súa vinculación coa cidade; que será entregado de xeito gratuito ás persoas que acudan á exposición. Alberto Amigo foi o encargado do deseño do disco.