O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, mostrouse hoxe moi satisfeito co anuncio de que a Xunta levantará a prohibición de plantar patacas no municipio de Ortigueira, que lle foi comunicada polo director xeral de Medio Rural, José Balseiros. Trátase, dixo, dunha noticia moi positiva, especialmente nestes momentos, e dunha petición que vén formulando reiteradamente desde o Concello e “pola que levo pelexado moito”.
Os últimos controles realizados en Ortigueira demostran que non se detecta a presenza da couza guatemalteca, a praga que orixinou a prohibición en toda a contorna, aínda que seguirán existindo controis para evitar a reaparición. Neste sentido, o alcalde explicou que aquelas persoas que realicen plantacións terán que notificar ao servizo de Extensión Agraria en que parcela o farán e a extensión que ocuparán.