
Sign up to save your podcasts
Or


Neste episodio, o grupo e maila nosa convidada Marta deconstruímos a trampa da codependencia, unha dinámica disfuncional que vai moito máis alá das relacións de parella. Analizamos como as mulleres somos socializadas para sermos as eternas coidadoras, perpetuando mitos desde Wendy ou a Pequena Serea ata a nova romantización da nai sacrificada. Esta necesidade de compracer e de salvar os demais desprázase tamén ao terreo da amizade (co rol da "nai do grupo"), á familia (baixo a capa da lealdade) e ao traballo (onde o mercado se aproveita de quen non sabe dicir que non). Fronte a isto temos propostas, pero debes escoitalas!
No episodio desta semana acompáñanos a Elena, lista, modista, feminista e de Cabral. Falamos do seu proxecto “Teito” e da experiencia de emprender dentro do mundo da moda dende unha perspectiva ética e de compromiso social.
Debatimos sobre o nesgo de xénero á hora de consumir moda rápida e seguir tendencias. Ata que punto se aproveita a fast fashion das nosas inseguranzas estéticas para facturar? Por que é un drama repetir modeliño en eventos sociais?
Cal é o custo ambiental da moda rápida? É realmente sustentable a moda que nos venden como tal? Está a solución no mercado de prendas de segunda man e na reparación das que xa temos?
Acompáñanos neste novo episodio sobre a moda, non perdas detalle e non esquezas deixarnos un comentario coas túa opinións e recomendacións!
Está xustificado para unha persoa de fóra da Galiza aprender galego?
E se deciden facelo, hai recursos para aprender galego?
É a chegada de xente foránea, especialmente estranxeira, a responsable da caída no uso do galego?
Como é a calidade do galego das persoas neofalantes?
De todo isto, e algunha cousa máis, falamos neste programa con Leticia, unha arquitecta e deseñadora gráfica, residente en Zaragoza e orgullosa neofalante.
Neste episodio das Womansplainers falamos do sharenting: o hábito de publicar nas redes fotos, videos e intimidades das crianzas. Onde está o límite entre compartir lembranzas e converter os fillos en contido dixital?
Comentamos bebés con conta propia, familias convertidas en marca, crianzas como accesorio estético e o “pai deconstruído” aplaudido por facer tarefas básicas.
Tamén abordamos os riscos reais para a privacidade infantil, os casos xudiciais e as novas leis que buscan protexer a identidade dixital da infancia. Que dereito teñen as crianzas sobre a súa propia imaxe?
Un episodio para rir, indignarse e pensar antes de subir esa foto.
No episodio desta semana, para falarmos de suplementación, acompáñanos a María Otero, graduada en nutrición humana e dietética.
Segundo a OCU, durante o ano 2025 o 60% da poboación tomou algún tipo de suplemento alimentar, pero existe realmente algún suplemento necesario para o noso organismo que non poidamos obter a través dunha dieta equilibrada de forma sinxela?
Falamos sobre suplementación deportiva e do auxe dos produtos “altos en proteína”. Serven de algo ou só son estratexias publicitarias? Que beneficios ten unha dieta rica en proteínas?
Coláxeno, niacinamida, produtos adelgazantes… Debatimos sobre como a suplementación alimentar vai ligada á presión estética, formando parte da cultura da obsesión coa eterna xuventude.
Por último, falamos da inocuidade percibida en certos suplementos por seren “naturais” e dos perigos do seu uso sen seguimento profesional.
E vós, tomades algún tipo de suplemento? Comentádenos as vosas experiencias e non perdades detalle deste novo episodio das Womansplainers!
No novo episodio das Womansplainers, Carme, Sara, a Malvada Profe e Ghanito reciben a Faula, investigadora do Morrazo que traballa en Glasgow, para falar sobre as cores desde unha perspectiva científica, lingüística e cultural.
O programa parte dunha pregunta provocadora: existen realmente as cores? Explícase que non son propiedades fixas dos obxectos, senón interpretacións cerebrais da luz, como demostran o daltonismo ou a sinestesia. Tamén se aborda como mudou o concepto de cor ao longo da historia, sen esquecer a parte talvez máis curiosa que é como as linguas organizan e nomean as cores de maneira diferente, condicionadas por factores sociais e culturais.
Non fiques pálida e dalle ao play!
Estragou a pandemia a nosa percepción do tempo? Houbo un reseteo global? Por que, dende 2020, todo parece ao mesmo tempo onte e hai séculos? Estivo Rihanna embarazada eternamente ou foron varios embarazos consecutivos? Esa sensación de “desintegración temporal” non é só un meme: é unha experiencia compartida.
Medir o tempo foi sempre unha necesidade. Primeiro por motivos relixiosos, polas estacións e o traballo no campo; despois, coa modernidade, convertémolo nunha máquina de produtividade. Pero o tempo non é só reloxo: é lingua. Como visualizades vós o tempo: É unha liña recta ou unha árbore con pólas?
A nosa maneira de “velo” está ligada ao idioma que falamos. Mudar a lingua é mudar a percepción do tempo. Nalgunhas casas, os ovos cocíanse “o que duran dous nosopais e un avemaría”. A lingua moldea o espazo… e tamén o futuro. Hai linguas sen futuro gramatical. Hai quen chega tarde ao seu propio enterro. Falamos de TDAH e cegueira temporal, de quen non le reloxos analóxicos. Porque o tempo, cando es nena, é infinito; e logo escápache entre os dedos. E todo depende do que esteas a facer.
Escoita o episodio. E intenta non mirar para o reloxo.
No episodio desta semana, para falarmos de vandalismo, acompáñanos a Oriana, socióloga e axente de igualdade en Ferrolterra.
Comezamos definindo que é o vandalismo e delimitando a orixe histórica do termo. En que se diferencia da acción directa e que motivacións pode haber detrás destes actos?
Debatimos sobre o emprego da acción directa ao longo da historia como método de protesta social, sobre como xorden estes movementos e cal é o seu papel a nivel político.
Queima de contedores, rotura de escaparates, vandalización de obras artísticas… Mais dentro dos propios movementos sociais, que opinión se ten na actualidade no referente ao emprego da acción directa como método de protesta?
Por último, non podíamos rematar o episodio sen abrir o eterno melón do graffiti e a arte urbana. Expresión artística, acto vandálico ou cuestión de clase?
Neste episodio das Womansplainers reflexionamos sobre a vergoña: de onde vén, se nace connosco ou se a aprendemos socialmente, e até que punto é posible desaprendela. Analizamos tamén a relación entre vergoña, corpo e silencio, así como aquilo que deixamos de facer ou dicir por medo ao xuízo alleo. Falamos de quen sente máis vergoña segundo xénero, clase ou idade, da vergoña financeira e do seu impacto, e da súa relación co bullying e o illamento nas aulas.
Para abordar estas cuestións contamos coa colaboración de Jeni Herbón, mediadora e psicóloga, que achega unha ollada profesional sobre os conflitos, convivencia escolar e os efectos da vergoña no noso día a día.
O Nadal é unha boa época para espertar o noso espírito máis charramangueiro e as Womansplainers convocamos un akelarre para facermos de árbitras do mal gusto e definir os límites das charramangadas. Hai modas e gustos que veñen e van, coma as ombreiras enormes ou os estampados de leopardo, e constantes que fican, como a aversión á ostentación e os novos ricos como corporización do feo e o rechamante. Non se pode falar de bo e mal gusto sen diseccionar os elementos de clase e xeracionais que determinan as filias e fobias estéticas no noso momento histórico.
Neste programa imos de excursión por horrores tan variados como as gender reveal parties, os fachalecos ou as viaxes en cruceiro, sen esquecer facerlle unha visita á nova raíña mundial da charramangada: Donald Trump.
From the publisher's feed

33 Listeners

81 Listeners

34 Listeners

7 Listeners