Facemos historia

Facemos historia

By José Antonio MartínezSociety & CultureEducation
Download on the App Store

Facemos historia episodes

  • Pazos, prazas e califatos
    EPISODIO 01. TEMPORADA 02
    Non pasamos as vacacións nun pazo, mais comezamos, ás portas de un, esta 2ª xeira de Facemos historia. Volvemos cun episodio apegado á actualidade. O Pazo de Meirás, a súa xestión por parte da Fundación Francisco Franco, a súa explícita intención de facer apoloxía do franquismo, as continuas e ilegais limitacións de acceso a un edificio declarado Ben de Interese Cultural, a errática actuación dos poderes públicos, en concreto da Xunta, lévanos a preguntar como chegamos até esta situación. Como chegou Franco e a súa familia a seren propietarios do Pazo de Meirás? Que hai de certo na súa doazón durante a Guerra Civil? Que papel xogou Pedro Barrié de lá Mazá? Doazón, expolio, saqueo ou botín de guerra?
    De Sada saltamos a Sabadell, aínda que non para falar do procés. Que sabedes de Antonio Machado? Cal das súas obras é a que máis vos gosta? A quen lle poriades o nome dunha rúa da vosa vila? Que criterios seguiriades?
    E de Catalunya viaxamos até Siria, volvendo por Córdoba. Que historia estudou o fillo da Tomasa? Que coñeces ti do Al-Ándalus? En que consiste a Reconquista? Por que os do chamado "estado islámico" falan dela?
    Volvemos con moitas preguntas, mais non temos as respostas. Compartimos con vós as nosas reflexións dunha noite de verán.

    Para a realización deste episodio seguimos a @cbabio (Carlos Babío) e a @CorunaMemoria (Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, http://memoriadacoruna.com/14717-2).
    Son múltiples os artigos sobre o informe encargado polo Ajuntament de Sabadell sobre o nomenclátor das rúas da súa vila, e aquí vos deixamos a ligazón a un deles (http://www.lavanguardia.com/politica/20170816/43583513391/sabadell-nomenclator-informe.html)

    Acompáñanos nesta viaxe ao verán informativo do 2017.

    CRÉDITOS (todas as obras utilizadas distribúense baixo a licenza Creative Commons):

    Música da sintonía: http://audionautix.com/ (The voyage, PennyWhistle, TriumphantReturn).

    AS MÚSICAS DE FACEMOS HISTORIA

    - Cantares, Versión de Serrat, (https://www.youtube.com/watch?v=b4d7_Hq3Psk), polo grupo Nueva Sangre.
    No-Do de 20 de setembro de 1954 (http://www.rtve.es/filmoteca/no-do/not-611/1482034/)
    28 min
  • Guia para non se perder: historia e podcasts
    EPISODIO 23. TEMPORADA 01
    Chegou o verán, un tempo ideal para nos mergullar non só nas moitas praias do noso país, senón tamén nos podcasts. Co noso móbil e uns auriculares ábresenos un mundo de posibilidades.
    E con este epiodio 23 chega ao seu fin unha primeira tempada na cal viaxamos no tempo, do século XV ao XXI, así como de París a Ourense ou de Tanzania aos Estados Unidos.
    Calquera momento é bo para escoitar podcast, mais este próximo mes e medio son ideais para descubrir novos programas aos que ao longgo destes meses non puidemos chegar. E co afán divulgativo que nos caracteriza, adentrámonos no mundo do metapodcasting, para vos presentar e falar un chisquiño dos podcast de historia que máis se escoitan, segundo os datos de Itunes España.
    Descubrimos que no top 100 do podcasting deste último mes no noso Estado, atópanse nada máis e nada menos que DEZ que teñen a historia como o seu tema principal. E por se non abondase, falmaos de dous máis e facemos unha última recomendación.
    Tedes ante vós, máis que unha simple viaxe polo tempo, unha viaxe polos podcast que nos teletransportan a iso do que tanto gostamos: a historia.
    Acompáñanos neste guía de podcast, e escoitámonos de novo en setembro.

    Neste episodio falamos de:
    - Antena historia. https://antenahistoria.wordpress.com/
    - La tertulia de la historia. http://latertuliadelahistoria.com/
    - Ruta por la historia. https://rutaporlahistoria.es/
    - Memorias de un tambor. http://memoriasdeuntambor.com/
    - Ágora historia. http://agorahistoria.com/
    - Histocast. https://www.histocast.com/
    - La Contrahistoria. http://contrahistoria-podcast.blogspot.com.es/
    E mencionamos: SER Historia, La Rosa de los vientos, Historias de la historia, La escóbula de la brújula e Una hora con la historia.
    Non só de historia vive este podcast, polo que tamén recomendamos:
    - O NosoPodcastLar. http://onosolar.gal/OnL/

    CRÉDITOS (todos os audios distribúense con licenza Creative Commons): Música da sintonía: http://audionautix.com/ (The voyage, PennyWhistle, TriumphantReturn).
    28 min
  • Martiño Lutero para dummies ... e para ateos
    EPISODIO 22. TEMPORADA 01
    Achegámonos a unha das figuras máis controvertidas do s. XVI, tanto en vida como despois de morto. Herexe para uns, apóstolo e profeta para outros, Martiño Lutero marca un antes e un despois na historia da igrexa, mais tamén da historia de Europa.
    Cando un 1 de novembro de 1517, do cal se cumpren este ano o 500 aniversario, Martiño Lutero crava na porta da igrexa do palacio de Wittenberg as súas 95 teses non estaba a pensar en constituír unha nova igrexa cristiá nin posiblemente en rebelarse contra as autoridades relixiosas. A historiografía entende que Martiño Lutero estaba a expor as súas inquedanzas relixiosas e teolóxicas, onde o tema das indulxencias ocupaba un papel central.
    A través da vida de Lutero achegámonos a vida cultural e relixiosa da Europa do s. XVI, reflexionamos sobre o papel da biografía como xénero historiográfico, e mostramos a dificultade que existe para marcar unha liña clara entre o relixioso e o político, nun mundo onde os ambos os dous ámbitos estaban tan mesturados que o Papa actuaba e reclamaba a súa autoridade política e o Emperador e outros reis reivindicaban a súa hexemonía relixiosa.

    Neste episodio falamos, tamén, da Biblia en galego, publicada pola Editorial SEPT, e da que temos unha versión para dispostivos móbiles:
    A Biblia. Novo Testamento [versión Kindle]
    (drive.google.com/file/d/0B09mNafQj-j4cWdncG1PdVJ3WTg/view?usp=sharing), [versión epub]
    (drive.google.com/file/d/0B09mNafQj-j4dEp1UDc4Zk1raEE/view?usp=sharing​)​​​
    Para máis recursos contades coa web http://www.abibliagalega.com/

    Se queredes achegarvos ao mundo protestante a través dun podcast de gran calidade, http://www.cambio180.com, producido polo produtor dun dos podcast sobre podcasting máis destacadas en fala hispana http://viapodcast.fm

    E se queredes profundar un pouco máis sobre a vida de Martiño Lutero, recomendámosvos a biografía elaborada por Thomas Kaufmann, [Martin Lutero: vida, mundo palabra](https://www.casadellibro.com/libro-martin-lutero-vida-mundo-palabra/9788498796803/5100105), publicada pola Editorial Trotta neste ano.


    Acompáñanos nesta viaxe á Alemaña de 1517.

    CRÉDITOS (todas as obras utilizadas distribúense baixo a licenza Creative Commons):

    Música da sintonía: http://audionautix.com/ (The voyage, PennyWhistle, TriumphantReturn).

    AS MÚSICAS DE FACEMOS HISTORIA

    - [Johann Sebastian Bach: Ich habe genug, BWV 82
    ](https://www.youtube.com/watch?v=fQyUWyW3-lA), pola Bach-Archiv Leipzig.
    30 min
  • Expediente Reis Católicos: Doma, nación e mucho españoles
    EPISODIO 21. TEMPORADA 01
    Éche perigoso achegarse a historia do reinado dos Reis Católicos. E non o digo eu, así se pronuncia o historiador Pegerto Saavedra na obra Historia das Historias de Galicia, publicado pola Editorial Xerais. É un tema que levanta moitas paixóns, desde quen ven nel o período fundacional da nación española, a quen lle atribúe todos os males da postración e desaparición na práctica do reino de Galiza. Debátese e discútese sobre este período con tanta o máis vehemencia que nun Celta-Depor ou nun Madrid-Barça.
    Achegámonos ao nacemento do Estado moderno. A acción dos Reis Católicos, en especial Isabel en Castela, levará á creación dunha estrutura administrativa, daranse pasos cara a unha imposición sobre a nobreza e o resto de grupos sociais, aproveitando a acción da "Santa Hermandad", que actuará para garantir a paz e a orde no interior do reino, así como do Tribunal da Inquisición, que os monarcas controlarán directamente.
    O casamento de Isabel e Fernando cristalizarase no que se deu en chamar "unión dinástica", mais non no nacemento dunha nación chamada España. A súa acción política permitiu transformar un reino medieval nun estado moderno.
    Ao longo do episodio repasaremos os mitos existentes sobre este reinado e analizaremos a interpretación do seu goberno sobre o reino de Galiza, tan marcado pola expresión extraída do discurso de Castela no Parlamento "da doma e castración do Reino de Galiza". Repasaremos outros mitos existentes, en especial sobre a acción da nobreza galega en relación á raíña Isabel e ao futuro Carlos I.
    Acompáñanos á Galiza de 1480.


    CRÉDITOS (todos os audios distribúense con licenza Creative Commons):
    Música da sintonía: http://audionautix.com/ (The voyage, PennyWhistle, TriumphantReturn).
    AS MÚSICAS DE FACEMOS HISTORIA:
    Fata la parte, de Juan del Encina, interpretada polo Collegium Vocale: https://www.youtube.com/watch?v=78P9NCOUYcw
    23 min
  • 1467: Galiza ceibe, poder popular. Os irmandiños
    EPISODIO 20. TEMPORADA 01
    Un 25 de abril de 1467 producíase a toma e o derrubamento de Castelo Ramiro, en Ourense. Hai, exactamente, 550 anos, unha data redonda, mais que pasou inadvertida tanto para os medios de comunicacións como para a axenda institucional do noso país.
    E por que é tan importante este acontecemento? Castelo Ramiro é a primeira das máis de 130 fortalezas medievais, castelos señoriais, que serán derrubados por un movemento popular coñecido coma os Irmandiños. Esta gran revolta, esta revolución irmandiña, gobernará Galiza durante dous anos, entre 1467 e 1469, alterando a estrutura social da Galiza medieval. Por primeira vez na historia de Galiza será o conxunto da poboación, autoorganizada na Xunta Xeral do Reino de Galiza, a que concentre todo o poder, executivo, lexislativo e xudicial.
    Podemos dicir, sen temor a nos equivocar, que nunca, na historia de Galiza, foi máis acaída utilizar a expresión "Galiza ceibe, poder popular", ese lema tan repetido en diferentes manifestacións de signo nacionalista na actualidade.
    Mais non forcemos a historia: os Irmandiños non foron un movemento nacionalista ou independista contra o reino de Castela. Esta visión non responde ás fontes históricas. Mais os Irmandiños fixeron realidade unha Galiza ceibe, mais ceiba do exercicio arbitrario do poder feudal. O inimigo non se atopaba fóra, era unha nobreza laica malfeitora, usurpadora e culpable de todo tipo de delictos contra os resto de grupos sociais, eclesiásticos, habitantes da cidade e, fundamentalmente, o campesiñado.
    Malia que haxa quen non goste de falar de revolucións fóra do período contemporáneo, esta gran revolta Irmandiña, tivo efectos sociais revolucionarios durante os dous anos que estivo vixente, restaurando a xustiza, mantendo a paz e a orde na nosa terra.
    E o movemento irmandiño fálanos da clara existencia de Galiza coma unha realidade cultural, política, econonómica e social a fins da Idade Media, unha Galiza construída desde os grupos populares e non o resultado dunha construción política das elites na Constitución do 1978.
    Acompáñanos ao Ourense de 1467.
    CRÉDITOS (todos os audios distribúense con licenza Creative Commons):
    Música da sintonía: http://audionautix.com/ (The voyage, PennyWhistle, TriumphantReturn).
    AS MÚSICAS DE FACEMOS HISTORIA:
    Grândola, Vila Morena, de Zeca Afonso: https://www.youtube.com/watch?v=3V6s6JMURlk
    26 min
  • 1919. O inicio do s. XX
    EPISODIO 19. TEMPORADA 01
    En 1919 as potencias vencedoras da Primeira Guerra Mundial reuníanse en París para negociar os termos dos acordos de paz. Dicimos ben, as potencias vencedoras, porque para a reconstrución de Europa e do mundo non foron convidados nin os países neutrais na guerra nin moito menos os países derrotados, con Alemaña á cabeza, que só foron chamados para coñecer os acordos tomados. Foi unha “paz de vencedores”, nada inclusiva, que acordaron os presidentes dos EE.UU., Francia e Gran Bretaña. Italia, que formaba parte do Consello dos Catro, retirouse coa sensación de que fora enganada, ao non aceptar os outros países os seus desexos territoriais na costa adriática.
    Redebuxouse o mapa mundial. Mais non só foron mudanzas nas fronteiras, da Grande Guerra saíron as liñas mestras do mundo actual, até o punto de se considerar que coa súa fin comeza, verdadeiramente, o s. XX.
    Alemaña, a grande derrotada, acatará mais non aceptará o acordado en Versalles. Isto vai ter fondas repercusións a curto prazo, personificadas no ascenso de Hitler. Con todo, a historiografía non se pode dicir que Versalles e os outros tratados de paz da Grande Guerra provocaran irremediablemente a Segunda Guerra Mundial. O que se decidiu en París de 1929, considerado como unha puñada polas costas pola maioría da opinión pública alemá, servirá a Hitler para utilizalo coma arma propagandística, no seu ascenso cara ao poder.

    Neste episodio falamos, tamén, de Decote, o podcast diario de Agos Reigosa. Podedes subscribirvos en https://altp.podbean.com/feed/

    Para o apartado das Músicas en Facemos Historia, seguimos El Blog de Manuel Cerdá: https://musicadecomedia.wordpress.com/2014/06/27/canciones-de-la-primera-guerra-mundial/

    E se queredes profundar un pouco máis sobre a Primeira Guerra Mundial, recomendámosvos dúas obras que presentan o conflito, as súas causas e consecuencias, dun xeito ameno e con gran rigor:
    Todo Lo Que Debe Saber Sobre La Primera Guerra Mundial, de Jesús Hernández, Ed. Nowtilus
    https://www.casadellibro.com/libro-todo-lo-que-debe-saber-sobre-la-1-guerra-mundial-1914-1918-las-campanas-personajes-y-hechos-claves-del-conflicto-belico-que-cambio-la-historia-del-siglo-xx/9788497634953/1164471

    La Gran Guerra de The History Channel Iberia. Plaza & Janes, 2013. https://www.amazon.es/Gran-Guerra-History-Channel-Iberia/dp/B00I950IQ4


    Acompáñanos nesta viaxe ao París de 1919.

    CRÉDITOS:
    Música da sintonía: http://audionautix.com/ (The voyage, PennyWhistle, TriumphantReturn).

    AS MÚSICAS DE FACEMOS HISTORIA
    https://www.youtube.com/watch?v=tn-uSZg7Yxw
    Marcha do coronel Bogey, interpretada pola US Coast Guard Band.

    https://www.youtube.com/watch?v=UuauigZW7jo
    La Chanson de Craonne - Iokanaan
    27 min
  • A historia non é para fanboys: A Revolución Rusa
    EPISODIO 18. TEMPORADA 01
    100 anos. Xa pasou un século desde a revolución rusa. Falando así parece que só houbo unha, a de outubro de 1917, a bolxevique, a que deu paso ao primeiro estado comunista da historia. Mais a revolución rusa foi un longo proceso, que hai quen o estende case 100 anos, desde as revoltas de 1860 até a morte de Stalin en 1953, e quen prefire circunscribila aos primeiro cuarto de século, desde as revoltas universitarias de principios de século até a morte de Lenin en 1924. O que é certo é que durante este período van ter lugar, cando menos, tres revolucións: a de 1905, a de febreiro de 1917 e a xa citada de outubro dese ano.
    Malia que xa vai alá un século, segue a ser un tema que desata ferventes paixóns, onde o ideolóxico, convertido en crenza, condiciona calquera reflexión serea. A historia necesita unha certa distancia, non só no tempo, senón tamén sentimental, para poder analizar con calma os acontecementos históricos.
    Para nós a historia é unha paixón, e este podcast unha aventura. Mais hai quen son “fanboys”, e moito máis de determinados procesos, coma a Revolución de Outubro de 1917.
    Acompáñanos nesta viaxe no tema.


    CRÉDITOS:
    Música da sintonía: http://audionautix.com/ (The voyage, PennyWhistle, TriumphantReturn).

    AS MÚSICAS DE FACEMOS HISTORIA
    Khatia Buniatishvili interpreta o Concerto para piano nº 1 (C minor) de Shostakovich: https://www.youtube.com/watch?v=tJ9dvDbI4PA
    22 min
  • Nin allea nin neutral. A Primeira Guerra Mundial e Galiza
    EPISODIO 17. TEMPORADA 01
    Entre 1914 e 1918 tivo lugar un conflito que mudou o mundo: A Grande Guerra, con maiúsculas, unha guerra cunha intensidade como non existira outra antes; unha guerra total, co resultado de 13 millóns de mortos. A Primeira Guerra Mundial foi unha guerra iniciada polas potencias europeas e desenvolvida fundamentalmente en solo europeo. Foi a entrada en 1917 dos EE.UU. o que lle aportou o carácter extraeuropeo ao conflito, aínda que estes viñesen loitar a Europa. Mais o que verdadeiramente lle outorgou á contenda o carácter mundial é que os principais estados enfrontados eran posuidores de grandes imperios transoceánicos.
    A Grande Guerra tivo dúas etapas perfectamente diferenciadas, a chamada Guerra de Movementos, que ocupou o ano 1914, e a Guerra de Posición ou Guerra de Trincheiras, que caracterizou os seguintes tres anos de conflitos.
    A entrada dos EE.UU. na guerra veu marcada polo xiro da estratexia naval de Alemaña, na busca de illar e afogar economicamente a Gran Bretaña e a Francia. A loita naval, a busca de acabar co tráfico naval no Atlántico, levou ao goberno americano a entrar en guerra e decantou finalmente o conflito. E nesta guerra naval Galiza xogou un papel destacado, xa como apoio loxístico ás frotas navais en conflito, xa como centro de espionaxe e control da información. Nunha guerra onde España declarara oficialmente a súa neutralidade, Galiza non foi nin allea nin neutral no conflito.

    REFERENCIAS:
    U-49, unha novela de Rafael Lema, publicada por Ed. Tambre - Edelvives: http://www.todostuslibros.com/libros/u-49_978-84-96772-60-1

    PODCAST MENCIONADO
    La contrahistoria: https://itunes.apple.com/es/podcast/la-contrahistoria/id1130560048?l=en&mt=2

    CRÉDITOS:
    Música da sintonía: http://audionautix.com/ (The voyage, PennyWhistle, TriumphantReturn).

    AS MÚSICAS DE FACEMOS HISTORIA
    El Pelele, de Enrique Granados: https://musopen.org/music/3556/enrique-granados/el-pelele/
    Fandangos de Candil, de Granados; interpretada por Rubén Lorenzo: https://www.youtube.com/watch?v=lcm1ibikVyQ
    19 min
  • Quen foi Sofia Casanova? A historia e a muller, entre a desmemoria e o esquecemento
    EPISODIO 16. TEMPORADA 01
    Sofía Casanova narrou de primeira man a I Guerra Mundial aos lectores do diario ABC. Foi a primeira muller contratada coma correspondente fixa, e desenvolveu o seu labor para este xornal madrileño entre 1915 e 1944. En Polonia, en Bielorrusia e en Moscova vivirá algúns dos acontecementos que marcan o século XX: a xa citada Grande Guerra, a Revolución Rusa e o inicio da Segunda Guerra Mundial. Poderiamos salientar o seu papel coma muller precursora nun mundo, o do xornalismo, até ese momento practicamente monopolizado polos varóns, mais entendemos que, sería, de xustiza, lembrala coma un modelo de xornalista comprometida: transmite unha visión unha visión propia, nada pregada nin compracente co poder, e que non se sente allea ni mera espectadora do mundo que lle tocou vivir e narrar. Con todo, Sofía continúa a ser unha grande esquecida, non reivindicada por ninguén.
    O mundo de principios de s. XX, nos que Sofía iniciou a súa carreira profesional, ven marcada pola eclosión da gran revolución do século: a conquista da muller no espazo público. En 1910, na II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas que ten lugar en Copenhague (Dinamarca), é unha poliítica de nacionalidade alemá, Clara Zetkin, quen propoña o 8 de mazo coma Día Internacional da Muller Traballadora. Non será até 1977 que a ONU declare este día coma Día Internacional da Muller, que se segue a celebrar na actualidade. Os obxectivos iniciais desta data conmemorativa era as reivindicacións laborais por parte da muller (de acceso ao mundo laboral e a mellora das condicións de traballo e equiparación de salarios cos homes) e as demandas sobre a igualdade política, centrada na loita sufraxista.
    A I Guerra Mundial vai supor unhas fondas transformacións no mercado laboral que van acelerar este proceso. Foi un comezo, mais aínda fica moito por facer.

    Música da sintonía: http://audionautix.com/ (The voyage, PennyWhistle, TriumphantReturn).

    AS MÚSICAS DE FACEMOS HISTORIA
    Autrefois, Op. 87/4, de Cecile Chaminade, interpretada por Anna Sutyagina: https://www.youtube.com/watch?v=-5NVkDzxH90

    D'un Vieux Jardin, de Lili Boulanger: https://www.youtube.com/watch?v=45V2b3HpwLM
    18 min
  • O suicidio de Europa. 1914. O inicio da Grande Guerra
    EPISODIO 15. TEMPORADA 01
    O 28 de xuño de 1914 eran asasinados en Saraievo o arquiduque Francisco Fernando, herdeiro da coroa austrohúngara e a súa dona Sofía Chotek. Dise que as últimas palabras de Francisco Fernando foron: “Non pasa nada, non pasa nada”. Mais os acontecementos que se sucederon despois parece que non lle deron a razón, até o punto de que foi se ser cualificado coma “o asasinato que mudou a historia”, ou máis concretamente coma “o asasinato que iniciou a Primeira Guerra Mundial”. Mais foi este atentado o causante da Grande Guerra?
    Neste episodio asomámonos ás causas que están detrás deste conflito armado que deixará, á súa fin, case 13 millóns de mortos. Entre as múltiples causas das que aínda discute a historiografía actual, centrarémonos nos tres grandes enfrontamentos que están detrás da política de alianzas internacionais da época e do inicio do conflito: a do Imperio austrohúngaro fronte ao Imperio ruso, a de Francia contra Alemaña, e a desta última contra Gran Bretaña.
    As principais potencias europeas embarcáronse nun conflito, que pensaban curto e vitorioso. A posibilidade dunha guerra non parecía tan destrutiva para que todos resultasen perdedores e que a vitoria, ao final non significase nada. Asistimos ao comezo da Grande Guerra. Un auténtico suicidio.

    AS MÚSICAS DE FACEMOS HISTORIA

    Música da sintonía: http://audionautix.com/ (The voyage, PennyWhistle, TriumphantReturn).
    Sinfonía nº 5 de Gustav Mahler: https://musopen.org/music/2806/gustav-mahler/symphony-no-5/
    19 min

About Facemos historia

From the publisher's feed

Un achegamento á historia universal de xeito ameno e en pequenas doses. Unha viaxe no tempo, desde Galiza e en galego.