As actuacións do Grupo de Acción Costeira-Ría de Arousa en Cambados, realizadas con fondos europeos, están a servir de modelo para Estonia.
O alcalde, Luis Aragunde, e a xerente do Grupo de Acción Costeira (GAC), Rosa Carballo, recibiron esta mañá a unha delegación integrada por 22 cidadáns de Estonia que acudiron a Cambados para coñecer de primeira man aspectos da situación económica e social do municipio, sobre todo no sector do mar.
Os visitantes estonios pertencen a un GAC do ámbito marítimo e pretenden coñecer a experiencia da pesca e do marisqueo en Galicia para aplicar na república báltica algunhas ideas xa postas en marcha aquí con anterioridade.
Unha das instalacións visitadas por esta delegación foi o salón José Peña, cuxos equipamentos foron xestionados a través do Grupo de Acción Costeira.
Durante a visita o alcalde explicoulles as características da economía da comarca, salientando os sectores da horta e viño, pesca e marisqueo, xunto co turismo e comercio, como as principais fontes de riqueza de Cambados e o Salnés.
Nesta estadía, tamén percorreron o porto de Tragove, a lonxa do peixe e unha nave de evisceración da vieira, así como a praza de Fefiñáns e boa parte do conxunto histórico. Tamén teñen previsto visitar a Mancomunidade do Salnés, así como zonas pesqueiras, bancos marisqueiros e viveiros flotantes característicos das rías galegas.
Todo elo nolo contaba en AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA o alcalde Luis Aragunde, en conversa con Alba Piñeiro.