Cada xoves falamos de igualdade, rural, empoderamento, emprendemento e cultura con Kim Llobet. No espazo de hoxe de Aula Saúde A Estrada imos falar con Lucía Fernández Ascariz e Mónica Montoto Vázquez, odontóloga e higienista da Unidade de Saúde Bucodental do Centro de Saúde da Estrada.
“A saúde bucodental non é algo illado: é parte fundamental da nosa saúde xeral”.
“ Cando un neno ou nena cumpre 12 meses, os pediatras e enfermeiras do centro de saúde derívannolo para unha primeira revisión”.
“En Galicia, afecta xa ao 40% dos nenos de 5 anos, unha cifra moi alta para algo que se pode previr”.
Porque a saúde bucodental non é algo illado: é parte fundamental da nosa saúde xeral. Unha boca sa permítenos falar, masticar, respirar e relacionarnos con normalidade. Ademais, inflúe directamente na nosa autoestima e no noso benestar físico e emocional.
Na nosa unidade traballamos cun obxectivo claro: previr antes que curar. Non queremos que se nos vexa só como “as que quitan moas”. O noso labor vai moito máis alá, especialmente na prevención desde as primeiras etapas da vida.
Que ofrecemos na Unidade de Saúde Bucodental?
A nosa unidade forma parte da rede pública do SERGAS e ofrecemos unha carteira de servizos dirixida a distintos grupos de poboación. Pero queremos destacar especialmente dous: a infancia e as mulleres embarazadas, xa que sobre eles céntrase boa parte do noso traballo preventivo.
Cos máis pequenos, empezamos desde moi pronto. Cando un neno ou nena cumpre 12 meses, os pediatras e enfermeiras do centro de saúde derívannolo para unha primeira revisión, tal como recomendan as sociedades científicas. A partir de aí, facemos seguimentos periódicos, aplicamos flúor, selamos fisuras, e traballamos moito en educación sobre hixiene e alimentación.
Por que tan temperán? Porque os bos hábitos que se adquiren na infancia mantéñense toda a vida. E porque a mellor maneira de evitar carie e outros problemas é previlos desde o principio.
No caso das embarazadas, contamos cun programa específico. Non só valoramos a súa saúde oral, senón que tamén lles damos ferramentas para coidar a do seu bebé desde o nacemento.
Dez claves para unha boca sa desde o nacemento
Durante as sesións con embarazadas e as súas parellas, compartimos recomendacións moi prácticas para crear unha contorna saudable desde os primeiros meses de vida. Algunhas das máis importantes son:
✅ 1. Apostar pola lactación materna, que favorece un bo desenvolvemento da boca e mellora a respiración e a deglución.
✅ 2. Empezar a hixiene dental coa saída do primeiro dente, usando pasta fluorada (1000 ppm) en pequena cantidade, sen enjuagar, dúas veces ao día.
✅ 3. Evitar os azucres libres nos dous primeiros anos, mesmo en produtos que parecen saudables pero conteñen moita azucre.
✅ 4. Crear un “fogar dental”, onde a saúde bucal forme parte da rutina e do benestar familiar.
✅ 5. Facer a primeira revisión dental antes do primeiro ano, para establecer un plan personalizado de prevención.
Unha das mensaxes que máis insistimos en transmitir é este: a carie prevense en casa. Non hai que esperar a que haxa dor ou problemas para acudir á consulta. O noso obxectivo é que as familias aprendan como evitar que eses problemas aparezan.
A carie: unha enfermidade común, prevenible e moi relacionada co azucre
A carie dental segue sendo a enfermidade crónica máis frecuente na infancia.
En Galicia, afecta xa ao 40% dos nenos de 5 anos, unha cifra moi alta para algo que se pode previr.
Se un neno ten carie nos dentes de leite, e non se cambian os hábitos, o máis probable é que tamén as teña nos dentes definitivos. Isto implica máis tratamentos, máis molestias, e un impacto negativo na súa saúde xeral, emocional e económica.
Sabemos que a carie é unha enfermidade azucre-dependente, é dicir, está moi relacionada co consumo frecuente de azucre. Por iso, insistimos en evitar os azucres entre comidas, xa que impiden que a saliva cumpra a súa función protectora.
E aquí entra en xogo un aspecto moi importante: as merendas.
Merendas Saudables”: educar para previr
Desde a nosa unidade impulsamos o programa “Merendas Saudables”, dirixido aos centros escolares do municipio.
Reunímonos con equipos directivos, profesores e familias para traballar xuntos nun enfoque común: que alimentos son adecuados para o recreo e cales convén evitar.
Destas reunións naceron chárlalas “Prevención da carie en dentes de leite”, que impartimos nos colexios durante o horario escolar, con moi boa acollida.
Nelas ensinamos a identificar azucres ocultos en produtos infantís como zumes envasados, galletas, iogures bebibles ou bolería. E propoñemos alternativas sinxelas e sas:
✅ • Pan integral, froita, verdura, queixo ou iogur natural sen azucre.
✅ • Tortitas de millo ou arroz sen azucres engadidos.
✅ • Auga como bebida principal.
Grazas a esta colaboración, conseguimos implicar a familias e escolas, creando unha contorna saudable que protexe aos máis pequenos. Isto é o que chamamos “fogar dental”, un concepto apoiado pola Sociedade Española de Odontopediatría.
⚠️En resumo
Desde o SERGAS e a Unidade de Saúde Bucodental do Centro de Saúde da Estrada queremos lembrar que a saúde oral é saúde xeral. Que a carie se pode previr. Que a prevención comeza en casa e continúa na escola. E que os recursos públicos están dispoñibles para acompañar ás familias en cada etapa do crecemento dos seus fillos. Traballamos cada día por unha odontoloxía pública, accesible e preventiva, que poña o foco na persoa e non só na enfermidade.
Máis Información CENTRO DE SAÚDE DA ESTRADA.
https://observatoriosaudepublica.sergas.gal/es/atopa-saude/centro-de-salud-de-estrada
Máis Información de MULLERES QUE PODEN
✔️Facebook: https://www.facebook.com/profile.php?id=100057202191221
️ "SUSCRÍBETE" ao podcast
MÁIS ENTREVISTAS: https://www.ivoox.com/podcast-salta-da-cama_sq_f1323089_1.html
Máis Información e outros contidos:
✔️Facebook: https://www.facebook.com/PabloChichas
✔️Twitter: https://twitter.com/pablochichas
✔️Instagram: https://www.instagram.com/pablochichas/
✔️Clubhouse: @pablochichas
✔️Twich: https://www.twitch.tv/pablochichas