Foi unha coprodución e estrea da Mostra de Teatro de Cangas e andou de xira dentro do ciclo “Liberdade de ser e sentir” da Deputación da Coruña.
Trátase dunha proposta escénica inusual porque trenza varias escenas en clave de “performance”, nas que a realidade adquire unha factura plástica e poética para denunciar, de maneira clara, a falta de respecto aos dereitos humanos na nosa contorna, supostamente civilizada.
O propio Alberte Bello, en 2021 recibiu unha malleira ao grito de “maricón”. Ese foi o xérmolo que, tempo despois, lle fixo reaccionar facendo un espectáculo contra os discursos de odio e as violencias directas sobre as persoas LGTBIQ+
Porén, trátase dunha abordaxe na que a poesía e a contundencia das accións escénicas, se mesturan tamén con humor e tenrura, facendo que, non só desfrutemos da proposta, senón tamén que percibamos o importante que é o respecto pola diversidade e pola liberdade de ser e sentir.