O proxecto “Lideresas á galega”, no que traballaron os IES Saturnino Montojo e Carvalho Calero e o CIFP Rodolfo Ucha, presentarase á sociedade ferrolá
a través dunha exposición na sede de Afundación que abrirá ao público o vindeiro día 11 de marzo ás 19.30 horas. A iniciativa ‐unha adaptación do traballo “Lideresas”, da fotógrafa, arquitecta e artista visual Ana Amado‐ foi un labor conxunto dos ciclos formativos destes tres centros para fotografar a
mulleres maiores reproducindo imaxes icónicas ou moi recoñecibles protagonizadas por líderes masculinos de diferentes ámbitos. Deste xeito, ponse en valor a capacidade do alumnado para traballar nun contorno de colaboración intercentros, conectando ademais á xuventude co valor da experiencia. A mostra permanecerá aberta ata o 9 de abril e poderá visitarse no horario habitual de Afundación: de luns a venres de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e os sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00.