O músico pontevedrés Óscar Ibáñez & Tribo abre hoxe a programación do último cuadrimestre do ano a partir das 20.30 horas no Teatro Jofre de Ferrol co seu espectáculo Dá Terra. O gaiteiro e flautista realiza unha fusión musical que parte das raíces, sitúase a medio camiño entre investigación e creación, e ten como resultado un novo e único son. As súas gravacións aparecen en máis de 20 discos. A gran calidade da súa banda de directo foi recoñecida en máis de 200 concertos por toda España, Portugal, a Bretaña Francesa e Italia participando nalgúns dos festivais internacionais máis importantes como o Intercéltico de Lorient; o de Capodanno Céltico en Milán, o da Máscara Ibérica en Lisboa ou o do Mundo Celta de Ortigueira. No espectáculo que hoxe presenta no Jofre fai un percorrido polos temas máis destacados dos seus traballos Alén do Mar (Vir, 2012), baseado nas músicas de ida e volta Galicia-América entre os séculos XIX e XX, e Aires de Pontevedra (Inquietudes Sonoras, 2017), co que homenaxeou o soado gaiteiro de Viascón Ricardo Portela no 25 aniversario da súa morte, co fin de contribuír á actualización, difusión e universalización da nosa música patrimonial, respectando ao tempo a súa esencia. En definitiva, un espectacular e enérxica viaxe sonora a través da música tradicional galega e cheo de orixinalidade, imaxinación e creatividade nunha mestizaxe musical fresco, moderno e innovador no que predomina a sonoridade celta. Ademais o espectáculo contará coa colaboración do Real Coro Toxos e Froles e os bailaríns ferroláns Eva Faraldo e Jesús Quiroga. Ademais a banda que acompaña a Óscar, Tribo esta integrada por excelentes músicos de longa e recoñecida traxectoria que engrandecerán o concerto.