Se todo marcha ben en relación á evolución da pandemia, o mes marzo podería ser o elixido para levar a cabo a presentación do novo espectáculo que prepara, a actriz e titiritera, Larraitz Urruzola. Tras o éxito de espectáculos como A Viaxe de Rosalía, Ou Crebanoces ou Dona Barriga verde, Larraitz está a piques de presentar agora Fábulas da Montaña, unha montaxe teatral con monicreques da compañía Larraitz Producións Artísticas para render homenaxe neste ano, de 201 aniversario, á ferrolá Concepción Arenal. O espectáculo creado e dirixido por Inacio Vilariño, contará con duas artistas en escena, Larraitz Urruzola, interpretando a Concepción Arenal, narrará con monicreques momentos da infancia da pensadora, poeta e tamén autora dramática, así como adaptacións das súas fábulas, acompañada ao piano por Merran Laginestra que fai as veces de amiga da artista e que interpretará varios temas populares e de Marcial do Adalid en directo. En escena tratan de recrear unha velada de mulleres ilustradas nun pazo, cun teatrillo na saia tal e como recollen ilustracións da época. O proxecto, que conta co apoio de AGADIC, contará por iso cunha sorprendente escenografía na que a saia da protagonista, Concepción Arenal, ábrese para converterse nun retablo no que os monicreques serán protagonistas. Nuria Díaz encargouse do deseño, Marte Martinka da confección dos monicreques, Bety Busto do vestiario das actrices e Heitor Real do deseño gráfico. Un completo equipo para unha montaxe dos que merecen a pena e que esperamos poida chegar pronto aos escenarios de toda Galicia e por suposto a Ferrol, a cidade que, xunto a Vigo, está ligada á vida de Arenal.
Palabras descoñecidasCopiar