Estreando a «nova normalidade» atopámonos por sorpresa cun concerto en rúa Dolores. Foi o martes á tarde cando artistas locais como Pedro y el Chigri, Cerne, Tres Tipos e Nuca asomáronse a un balcón para facer música en directo. Estilos diversos: bossa nova, pop, jazz e mesmo, sesión electrónica. Diferentes xéneros que formaron parte da carta de presentación dun colectivo denominado « Nova Normalidade», que xorde por iniciativa de Román Verdeal para promover a canteira cultural e musical de Ferrol, e crear un marco ao que se poidan sumar artistas que comezan, para contar cunha plataforma que lles dea soporte á hora de poder organizar concertos, tocar na rúa, conseguir permisos e mesmo facturar polas súas actuacións a través dun colectivo sen ánimo de lucro que contribúa a visibilizar o inmenso talento que existe na nosa cidade. No concerto de presentación deste colectivo que empeza a organizarse para constituírse en asociación, participaron Román Verdeal e Alba María que conforman Cerne, outra agrupación denominada Tres Tipos, cunha proposta musical moi interesante, do mesmo xeito que Pedro y El Chigri, que mesmo se acordaron de Pau Donés, falecido ese mesmo día. O broche final púxoo Nuca cunha sesión de música electrónica desde o balcón que prestou para a ocasión Roger de Flor. Preto de 14 persoas participaron na posta en marcha deste evento, que esperemos teña continuidade. O formato gustou e ademais soou francamente ben. Parabén pola iniciativa. Queremos ver máis.