O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosábase hoxe optimista ante a actual situación tendo en conta as cifras que se están a rexistrar tanto a nivel local coma estatal. Salientaba a importancia de seguir cumprindo co confinamento.
O Concello de Tui está a traballar en moi diversos ámbitos nesta situación de estado de alarma na que nos atopamos. Os Servizos Sociais son un prioridade para prestar atención a todas aquelas persoas que neste momentos poidan precisar de axuda, e continúa tamén o traballo administrativo con case normalidade, ao igual que o labor doutros departamentos.
Amais estánse a artellar iniciativas por exemplo para celebrar as Festas de San Telmo aínda que sexa dende a casa, e os máis pequenos serán hoxe os protagonistas aos que irán tamén destinados os aplausos das 20 h pola súa responsabilidade e bo comportamento. Así o solicita nun bando emitido onte o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quen tamén solicita que o ratonciño Pérez poida continuar o seu traballo estes días cando a un neno ou nena lle cae un dente.