No Diario Cultural entramos na biblioteca do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde coñecemos 'Biblioterapia', unha listaxe de lecturas seleccionada por profesionais sanitarios e especialistas en saúde mental.
Desde o Hospital de Día de Psiquiatría de Ferrol comparten connosco a súa experiencia no 'Club dos poetas vivos', un club de lectura creado en 2019 no que pacientes do hospital comparten as súas impresións sobre libros de todo tipo.
Descubrimos o club de lectura 'Capitán Mette', impulsado pola asociación de voluntarios en saúde mental Itínera de Santiago, no que vinte persoas len un libro cada semana.
Estas e outras prácticas de lectura en común en contextos terapéuticos e con colectivos vulnerables expoñeranse no encontro 'Lecturas de coidado', que promove a Fundación Uxío Novoneyra os días 20 e 21 de xaneiro no Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago.