#hoxeenArousaPontevedraDíaaDía
#de12a1430
O sindicato CIG e outras oito organizacións e diversos colectivos convocan para este domingo 20 de outubro unha manifestación a nivel de Galicia baixo o lema "Por un monte galego con futuro" que sairá as 12 horas do mediodía dende a Alameda de Santiago de Compostela.
As organizacións denunciaban esta mañá en Vilagarcía as políticas de montes do PP que, ao seu entender, "promoven o monte abandonado para instalar industrias, crear zonas de lecer como campos de golf e cotos de caza, ou construir centros comerciais e zonas residenciais".
Ademáis, consideran que estas políticas "erradas", co cultivo de eucalipto e a privatización dos montes propician os lumes".
Dende as formacións convocantes consideran que "o monte ten futuro pero pasa por mudar as políticas do PP".
Neste senso, piden "a anulación da actual proposta de revisión do Plan Forestal de Galicia e a elaboración dun novo documento que parta de información actualizada sobre a situación do monte galego, dunha participación equilibrada de todos os axentes sociais, e que siga como principios reitores a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social".
Para acudir á manifestación do 20 de outubro en Santiago, o sindicato CIG porá a disposición autobuses que sairán dende Vilagarcía. As inscripcións deberán facerse no número de teléfono 986505323.
Así o explicaban esta mañá en Vilagarcía representantes dos colectivos convocantes: Anxo Lúa, representante do sindicato CIG, acompañado de Alfredo Pereira, Presidente das Comunidades de Montes de Galicia, de Manuel Dacal coordinador da Federación Fruga e de Ramón Bueno, Presidente Mancomunidade de Montes de Vilagarcía.