#hoxeenArousaPontevedraDíaaDía
#de12a1430
Caldas de Reis xa ten novo Plan Xeral de Ordenamento Municipal para os próximos 16 anos.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a orde de Aprobación Definitiva do documento urbanístico e mantivo unha reunión co rexedor municipal, José Manuel Rey.
O novo Plan Xeral de Caldas reserva máis de 560.000 metros cadrados para espazos libres e zonas verdes e 132.339 metros cadrados para equipamentos comunitarios.
Deste xeito posibilitarase a execución de proxectos como a ampliación da casa do Concello e do Instituto Aquis Celenis, e a construción dun novo centro de saúde ou aproveitar os espazos naturais que ten Caldas de Reis ao carón dos ríos Bermaña e Umia, permitindo a creación de parques fluviais na súa contorna.
Un 8,77% do concello queda clasificado como solo de núcleo rural, representando o solo urbanizable un 3,50% e o solo urbano un 2,03%. O restante 85,70% do territorio queda clasificado como solo rústico.
A Conselleira do Territorio destacou o papel de Caldas de Reis, como cabeceira comarcal na actividade industrial e o seu potencial de desenvolvemento económico, “polo que o PXOM aprobado hoxe responde e atende ás necesidades existentes en canto a actividades produtivas e empresariais, xeradoras de emprego e riqueza”.
Asimesmo resaltou os asentamentos e a grande actividade industrial en diversas zonas como As Veigas de Almorzar, a recta de Arcos da Condesa, en Godos e noutros ámbitos localizados de forma dispersa polo territorio.
Non obstante, o novo PXOM delimita un total de 10 sectores de uso industrial nestas zonas, regularizando ademais os asentamentos industriais xurdidos á marxe do planeamento.
En todo caso, segundo Angeles Vázquez trátase dun Plan Xeral “ambicioso que ordena as actividades existentes e prevé posibles actuacións; e por outra banda reserva solos para atender a novas demandas empresariais”.