#hoxeenArousaPontevedraDíaaDía
#de12a1430
O Concello de Vilagarcía abre o prazo de presentación de proxectos á II edición dos “Premios a Iniciativas Emprendedoras”, que, este ano, contan cun aumento da partida destinada aos gañadores ata os 12.080 euros, un 34% máis que o pasado ano.
O prazo estará aberto ata o 11 de outubro.
Os premios están dirixidos a emprendedores, startups, micropemes, autónomos de diversos campos, estudantes universitarios ou de ciclos que teñan un proxecto de negocio viable en fase de desenvolvemento.
Tamén poderán participar as empresas en fase de lanzamento, desenvolvemento do proxecto ou de recente creación que non superen os 24 meses de antigüidade e que desenvolvan a súa actividade no Concello de Vilagarcía.
O primeiro clasificado recibirá como axuda económica para a posta en marcha do seu negocio un total de 5.950 euros; o segundo 3.570 e o terceiro 2.380.
Ademais, e como xa se fixo na edición anterior, os gañadores contará coa promoción das súas iniciativas empresariais e beneficiaranse dunha etapa formativa de tres meses de duración na que mentores especializados ofreceranlles asesoramento individualizado para a posta en marcha do seu negocio e para unha xestión exitosa do mesmo.
As iniciativas que desexen concursar deben ser proxectos innovadores que incorporen a innovación de ideas, procesos ou tecnoloxías, para desenvolver, aproveitar ou reciclar os recursos propios da nosa zona.
Ademais, deben promover a economía azul, orientada a responder as necesidades básicas de todos os recursos locais dispoñibles, e valorarase a creación de emprego e o coidado do medio ambiente.
Detalles que contaba o director da empresa de mentoring Suma Importancia, Roberto Pérez, na presentación dos premios deste ano, acompañado do Concelleiro de Promoción Económica Juan Antonio Pérez Callón.