#hoxeenArousaPontevedraDíaaDía
#de12a1430
O novo colexio de O Revel, en Sanxenxo, estará en funcionamento para o curso 2020-21.
É a data anunciada esta mañá polo Conselleiro de Educación da Xunta, Román Rodriguez, durante unha visita á zona de Vilalonga onde se vai construir o centro educativo.
A nova infraestructura, que dará servizo ao alumnado escolarizado no actual CEIP Plurilingüe Cruceiro, suporá un investimento de arredor de 4,1 millóns de euros.
O edificio ocupará unha superficie total de preto de 15.000 metros cadrados e será liña 2 (isto é, dúas unidades por curso), cunha capacidade para un total 450 alumnos.
Ademais das aulas para uso estritamente educativo, o novo centro contará cun ximnasio e dúas pistas cubertas.
Todos os detalles de carácter construtivo quedarán recollidos de xeito pormenorizado no proxecto técnico que se comezará a redactar en breve, logo de que se formalicen os trámites administrativos pertinentes para a cesión dos terreos por parte do Concello.
Segundo explicou o conselleiro de Educación, a previsión coa que traballa a Consellería é licitar e comezala obra no segundo trimestre de 2019 co fin de que este novo CEIP estea a disposición da comunidade educativa ao longo do curso 2020-21.
Ademais da construción desta nova infraestrutura escolar, Román Rodríguez lembrou que este mesmo ano se levará acabo a reparación da cuberta do CEIP de Noalla-Telleiro, á que se destinan 60.500 euros, e a reforma da instalación eléctrica do CEIP A Florida, cun orzamento de preto de 43.000 euros.