O Instituto Fermín Bouza Brey e o Centro Galego de Vela de Vilagarcía acollerán o primeiro ciclo de vela que se imparte en Galicia.
En concreto, o acordo asinado esta mañá por parte do Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, traducirase na impartición das ensinanzas deportivas de grao medio en vela con aparello fixo e en vela con aparello libre.
Os títulos de técnico deportivo impartiranse de forma compartida entre o IES e o Centro Galego de Vela, adscrito á Secretaría Xeral para o Deporte; de tal forma que o bloque común do currículo se desenvolverá no Bouza Brey e o específico no devandito centro de vela.
Será a Consellería quen se faga cargo dos gastos do profesorado, mentres que Deporte asumirá a xestión e mantemento relacionado cos gastos derivados do axeitado funcionamento das instalacións para o óptimo desenvolvemento das ensinanzas.
A Consellería de Cultura e Educación abrirá unha convocatoria específica para que 12 alumnos se matriculen nestas dúas titulacións, que se desenvolverán ao longo do presente curso e do seguinte, esta convocatoria sairá publicada no Diario Oficial de Galicia o vindeiro venres 13 de outubro.
Para acceder a estas ensinanzas será necesario ter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente para efectos académicos, e superar a proba de carácter específico establecida.
En total as titulacións constan de 1.100 horas repartidas en dous cursos académicos, que inclúen un total de 350 de formación práctica (150 horas no ciclo inicial e 200 horas no ciclo final), co fin de que o alumnado entre en contacto coa realidade do mundo laboral. No referido ao título de técnico deportivo en vela con aparello fixo, conta cunha soa especialización, a de vela adaptada con aparello fixo.
Quen rematen estes estudos poderán exercer o seu labor profesional como adestrador de tecnificación en vela con aparello fixo, coordinador doutro persoal técnico de iniciación á vela, xestor ou organizador de eventos de vela de promoción e iniciación, responsable da seguridade da navegación e das instalacións deportivas utilizadas na tecnificación, ou no traballo de acompañamento e dirección ao regatista en competicións.
No caso do título en vela con aparello libre, as especializacións posibles serán as de Kiteboarding e a de vela adaptada con aparello libre.
Os titulados poderán exercer ocupacións e postos de traballo como as de monitor de iniciación á vela ou adestrador de iniciación á competición.
Así o explicaba o Conselleiro de Educación trala sinatura do acordo no Centro Galego de Vela, que recollemos en AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA.