O xefe territorial de Economía, Emprego e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial, e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, inauguraron esta mañá dos dous novos obradoiros de emprego para este concello, un deles de garantía xuvenil destinado aos máis novos.
O primeiro dos obradoiros, “Forme 17” é ordinario e favorecerá a un total de 20 desempregados en Fontanería e Carpintería. Terá unha duración de 9 meses, cun investimento procedente da administración autonómica de case 280.000 euros.
“Forme 17” está destinado a formar aos alumnos na elaboración e mantemento de mobiliario para a revalorización dos espazos públicos e no mantemento e reparación de elementos de fontanería tanto no Parque da Ravella, como nos do Castriño, Compostela, A Coca, Parques de Carril e Vilaxoan, Xunqueira, zonas peonís do casco urbano e zonas rurais, así como na sede do obradoiro, na Escola de Música, no conservatorio de musica, na biblioteca municipal e nas Axencias de Lectura e instalacións deportivas municipais.
O seu obxectivo último será a conservación do mobiliario urbano tanto exterior como nas dependencias interiores do Concello, o que implica a optimización dos recursos propios e o aproveitamento redundando na prestación de servizos á cidadanía en condicións de calidade.
Por outra banda, “Labora Xove 2017” centrarase, no eido das operacións auxiliares de actividades e funcionamento de instalacións deportivas, así como en socorrismo en espazos acuáticos. Os 15 alumnos serán menores de 30 anos e formaranse durante 6 meses. Esta iniciativa contará cun investimento de 140.000 euros.
Os alumnos prepararán a asistencia operativa dos técnicos deportivos no desenvolvemento de actividades deportivas, tarefas de control de acceso, circulación, atención a usuarios e mellora da seguridade no complexo deportivo de Fontecarmoa. Tamén se encargarán da organización, control e asistencia en colaboración co Servizo Municipal de Emerxencias do Concello aplicando as técnicas dos socorristas acuáticos. O obxectivo da súa formación e mellorar a seguridade nas actividades acuáticas, potenciar a actividade deportiva como recurso para a mellora da saúde e da calidade de vida da cidadanía.