Vilagarcía foi esta mañá o lugar elexido pola Consellería do Mar para realizar unha xornada formativa de emprego dos novos traxes de protección nuclear, biolóxica e química ante eventuais episodios de contaminación mariña.
Concretamente, son tres equipos dos que dous estarán ubicados nos barcos anticontaminación e o terceiro na base correspondente.
A dotación destes traxes de protección supuso un invetimento de 80.000 euros e Galicia é a primeira comunidade autónoma que dispón deles.
Deste xeito, a Consellería conta seis traxes de protección NBQ, modelo Dräger CP7900, e dúas duchas de descontaminación inchables portátiles.
Pensados para uso de Gardacostas, os traxes incorporados pola Consellería do Mar están realizados especificamente para o seu emprego en condicións extremas.
Son estancos a gases e proporcionan unha alta protección fronte a substancias químicas industriais, axentes biolóxicos e outras substancias tóxicas.
O material co que están confeccionados fainos aptos para traballar coa máxima eficacia, tanto á hora do manexo de substancias crioxénicas (de moi baixas temperaturas), como en áreas explosivas.
Estes equipos son necesarios para encarar episodios de contaminación provocados por substancias nocivas e potencialmente perigosas (SNP), nos que o persoal que participa na resposta á continxencia debe actuar debidamente protexido.
Así o explicaba esta mañá a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a xornada formativa de utilización dos equipos, realizada no buque Irmáns Garcia Nodal, atracado no porto do Ramal e que recollemos en AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA.