O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, presidiu hoxe a reunión de coordinación de clubs náuticos de Galicia, nun encontro celebrado no club náutico de Pedras Negras no Grove.
Na reunión estiveron presentes unha vintena de xestores de portos deportivos, clubs náuticos e marinas das tres provincias costeiras.
O titular de Portos de Galicia e os responsables das operadoras náuticas deseñaron a estratexia que seguirán de xeito coordinado para as tres feiras internacionais que terán lugar durante o mes de setembro, no caso de Southampton e La Rochelle, e nos mes de decembro, no caso de París.
O obxectivo nos tres casos será “incrementar a captación de clientes náuticos e actividade económica para os nosos portos”, en palabras de Durán Hermida.
Así mesmo, o presidente de Portos de Galicia destacou “os bos resultados que estas accións de promoción están a ter nas cifras de chegada de embarcacións náuticas a Galicia”.
Non en van, “entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo chegaron a Galicia máis de 5.300 barcos en tránsitos, un 20 % máis que no mesmo período do ano anterior”.
O presidente de Portos de Galicia explicou que o ente público manterá a súa presenza directa e a través de novo material promocional nos eventos nacionais e europeos e impulsará a participación dos xestores que así o decidan, tanto no que resta de ano como de cara ao 2018.
Así nolo explicaba José Juan Durán ao inicio da xuntanza, nunhas declaracións que recollemos en AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA.