Os datos de ocupación hoteleira volveron bater record durante o mes de agosto.
Na comarca do Salnés superouse o 95% e xa hai un alto índice de reservas para o mes de setembro.
Son os datos de Turismo Rías Baixas que desvelaba esta mañá a presidenta de Deputación, Carmela Silva.
Segundo informou a presidenta da Deputación de Pontevedra, os datos de Turismo Rías Baixas confirman que o mes de agosto pechou cunha ocupación hoteleira media provincial do 91,11%, “é dicir, case 12 puntos por riba do previsto e 2 puntos por riba dos resultados obtidos no mesmo mes do 2016, cando a ocupación acadou o 89,2%”.
Estes resultados, tal e como asegurou Carmela Silva, “xa nos sitúan como a cuarta zona turística con maior auxe en España, con pernoctacións que medraron, no primeiro semestre do ano, un 3,7% e visitantes que tamén o fan un 9%, o que nos sitúa como a provincia galega máis atractiva xa que estamos a recibir ao 40% dos visitantes que elixen Galicia como destino”.
A comarca do Salnés rexistrou unha ocupación hoteleira do 95,12%, sete puntos por riba que agosto de 2016, cando a porcentaxe acadou o 88%.
No caso desta comarca, a presidenta provincial subliñou que os hoteis de catro estrelas acadaron o 100% da ocupación e que vilas como Sanxenxo ou O Grove superaron en catro puntos o rexistrado en agosto do ano pasado.
Na comarca de Pontevedra, segundo as estimacións de Turismo Rías Baixas, prevíase unha ocupación superior ao 80%, “e o certo é que –tal e como manifestou Silva- foi do 92,25%, é dicir, máis de doce puntos por riba que os obtidos en agosto de 2016 e tamén doce puntos máis do previsto”.
A presidenta provincial adiantou que “o sector nos está a trasladar que setembro continuará esta tendencia crecente rexistrada durante o verán e que se confirma con datos que xa contabilizan nestes momentos portais de reservas como booking.com”.
Ao respecto, Silva daba a coñecer que, segundo os portais on-line, Rías Baixas ten xa o 83% das prazas reservadas, ascendendo ata o 100% as efectuadas en Pontevedra, o 95% en Baiona, o 85% en Vigo e o 76% nas comarcas do Salnés e O Morrazo.