Os traballadores en folga de Lantero volveron celebrar este mediodía unha asemblea ás portas da fábrica en O Pousadoiro na que ratificaron o seu total respaldo ás posicións do comité de empresa.
Unha vez máis, o encontro entre dirección e comité de empresa de Lantero rematou en fracaso e de novo a traba foi a exixencia da empresa de que se desconvoque a folga, coa mesma resposta negativa por parte do comité.
Os representantes dos traballadores seguen argumentando que non poden renunciar á folga despois de estar máis de mes e medio sen cobrar os salarios, sen ningunha garantía de que non haxa despidos.
En declaracións a AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA, O presidente do comité de empresa, Jesús López, calificaba de frustrante a reunión de onte, asegurando que a plantilla ten claro que non vai dar marcha atrás na convocatoria da folga se non hai garantías de que o ERE extintivo non se vai poñer en marcha.
Así pois, todo queda pendente dun novo encontro, que tardará en celebrarse máis dunha semana.
Será o venres día 12, de novo en Santiago baixo a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais.
De non modificarse a data, o novo encontro negociador será o mesmo día en que se realice a segunda das manifestacións en apoio a Lantero, convocada pola plataforma por un emprego de calidade.
A marcha partirá da avenida da Mariña ás oito da tarde do día 12 para realizar o mesmo percorrido que a mobilización anterior. O acto concluirá tamén na praza da Peixería, onde desta volta terá lugar, a continuación, un concerto solidario todavía por ultimar.
De momento, a idea é que o público pague un prezo simbólico, unha entrada duns 2 euros por persoa, destinados á caixa de resistencia da folga.