Laura López, de "Actual Comunicación Amodiño", empresa que se adica á xestión da comunicación dixital. Hoxe reflexionamos... Dende a promoción da cultura ao brain rot: as redes suman ou restan?
"Se non che sae da cabeza “tralalero tralalá”, “bombardino cocodrilo”, “ballerina capuccina” ou “thung thung thung sahur”, entre outros, permítenos dicirche que estamos ante un caso de brain rot".
"O brain rot defínese como o “suposto deterioro do estado mental ou intelectual dunha persoa, especialmente visto como resultado dun consumo excesivo de material considerado trivial ou pouco estimulante"".
"Nos últimos meses, esta “podredumbre cerebral” está a facer referencia a contido creado por Intelixencia Artificial, especialmente vídeos curtos, que forma parte dunha parodia, que carece de sentido e que roza o absurdo o que, de algún xeito, fai que non poidamos parar de velos".
Non é ningunha sorpresa dicir que vivimos nun mundo cada vez máis hiperconectado. As redes sociais forman parte do noso día a día, dende o xeito no que nos informamos ata como nos relacionamos. Agora a cuestión é se estas nos aportan cousas positivas ou se nos restan. A resposta, como case sempre, non é branco nin negro. Por iso, imos intentar facer un pequeno repaso dos dous lados da moeda. Por un lado, os beneficios reais de estar presentes na rede e, por outro lado, os “perigos” menos evidentes pero cada vez máis comúns encabezados por un fenómeno que agora mesmo está en boca de todos: o brain rot.
Cando as redes suman: catro motivos para quedarse
✅1. Conectan persoas e comunidades. As redes sociais permiten manter o contacto con amigos e familia en calquera parte do mundo. Pero van máis alá: crean comunidades arredor de intereses comúns.
✅2. Promoven causas sociais e mobilización. Un dos exemplos máis grandes que quizais nos veña á mente sobre o poder de mobilización que teñen as redes sociais poderían ser os cancelos #MeToo ou #BlackLivesMatter. Tamén se podería citar a mobilización e a onda de solidariedade que suscitaron as redes sociais durante a dana en Valencia. Aínda que iso si, tamén serviron para ver o lado máis negativo ao ser un medio idóneo para algúns usuarios para difundir bulos e desinformación.
✅3. Acceso á información e aprendizaxe. Youtube, Twitter ou mesmo TikTok están cheos de contido educativo. Desde clases de matemáticas ata vídeos sobre historia ou ciencia, o coñecemento está máis accesible ca nunca. As redes sociais crean modas e, agora, semella que a divulgación é tendencia (e iso non nos pode gustar máis). Neste sentido, hai milleiros de contas de diferentes ámbitos pero as nosas recomendacións particulares son Paula Vilaboy (@blondiemuser) se queremos aprender a ter unha vida máis sostible;
La Hiperactina, se nos interesa saber máis sobre a saúde e o corpo
humano; a canle de Youtube de The Saiyan Kiwi se nos apetece descubrir a ciencia que hai detrás do deporte; Neuromodernos para saber un chisco máis de Intelixencia Artificial; ou Itziar Oltra para descubrir campañas publicitarias e estratexias do máis interesantes.
✅4. Promoven a lingua e cultura galegas. Xa que aínda estamos coa resaca do Día das Letras Galegas encima, é necesario mencionar que cada vez se ven máis creadores de contido en galego, dende humor e música ata contido divulgativo sobre a lingua e cultura galegas. Isto axuda a normalizar o uso da lingua e achegala a novas xeracións nos espazos onde xa se moven. Os nosos creadores de contido preferidos neste ámbito agora mesmo? Só por citar algúns podemos atoparnos coa retranca consciente de Konachadas, a divulgación cultural de Prado Rúa ou o contido musical de Rodri Míguez.
Cando as redes restan: un motivo para fuxir
Se non che sae da cabeza “tralalero tralalá”, “bombardino cocodrilo”, “ballerina capuccina” ou “thung thung thung sahur”, entre outros, permítenos dicirche que estamos ante un caso de brain rot (e se non sabes de que estamos a falar, noraboa!).
No 2024, o Dicionario de Oxford nomeou o termo brain rot como palabra do ano. Este defínese como o “suposto deterioro do estado mental ou intelectual dunha persoa, especialmente visto como resultado dun consumo excesivo de material (agora particularmente contido en liña) considerado trivial ou pouco estimulante.
Aínda que o rexistro do primeiro uso deste termo se remonta a 1854, no libro Walden de Henry David Thoreau, é agora cando se popularizou. Segundo indican dende o Diccionario Oxford, o termo comezou a gañar relevancia en redes sociais (particularmente en TikTok, entre as xeracións Z e Alpha) e agora comeza a verse con máis frecuencia tamén en medios de comunicación tradicionais, dentro dun contexto social crecente de preocupación polo impacto negativo do consumo excesivo de contido en liña.
É así que medios como elDiario.es din que o brain rot ademais de referirse a un tipo de contido concreto, é un reflexo do estado mental colectivo que se pode observar, por exemplo, na forma na que falamos (frases cada vez máis curtas, caóticas ou inconexas) e a nosa tolerancia crecente cara o absurdo, enfermo ou molesto.
Nos últimos meses, esta “podredumbre cerebral” está a facer referencia a contido creado por Intelixencia Artificial, especialmente vídeos curtos, que forma parte dunha parodia, que carece de sentido e que roza o absurdo o que, de algún xeito, fai que non poidamos parar de velos. De feito, isto xa forma parte dunha corrente máis ampla denominada IA slop, unha vaga de imaxes creadas por IA sen filtro nin propósito máis alá de saturar a rede.
E cal é o problema deste contido? Que o algoritmo xoga ao seu favor, xa que moitos de nós seguro que repetimos a visualización dalgún destes vídeos preguntándonos “pero que acabo de ver?” e, ademais, non incumpren ningunha normativa das plataformas sociais, polo que, polo de agora, de nós depende que a súa popularidade continúe medrando ou non.
Algúns consellos para regular o noso consumo
✅● Uso consciente. Preguntémonos por que estamos abrindo unha rede social concreta. Por aburrimento? Para un fin concreto? Para atopar información?
✅● Ser conscientes das horas que lle dedicamos. Poñer límites co temporizador do móbil ou usar aplicacións que restrinxen o tempo de uso pode axudarnos.
✅● Seguir contas que aporten valor. Humor, aprendizaxe, arte, historia ou ciencia. Non todo ten que ser "produtivo", pero si que sume no noso día a día.
✅● Descanso das pantallas. Non nos podemos esquecer que a vida está tamén fóra do móbil.
❓Pregunta da próxima semana: canto tempo fai da vosa última compra online?
Máis Información ACTUAL COMUNICACIÓN Amodiño:
✔️Páxina Web: https://actualizadoscomunicacion.com/
✔️Facebook: https://www.facebook.com/actualizadoscomunicacion
✔️Twitter: https://twitter.com/actualizadoscom
✔️Instagram: https://www.instagram.com/actualizados_comunicacion/
️"SUSCRÍBETE" ao podcast.
MÁIS ENTREVISTAS: https://www.ivoox.com/podcast-salta-da-cama_sq_f1323089_1.html
Máis Información e outros contidos:
✔️Facebook: https://www.facebook.com/PabloChichas
✔️Twitter: https://twitter.com/pablochichas
✔️Instagram: https://www.instagram.com/pablochichas/
✔️Clubhouse: @pablochichas
✔️Twich: https://www.twitch.tv/pablochichas