Laura López, de "Actualizados Comunicación", empresa que se adica á xestión da comunicación dixital. Hoxe falamos do Chat GPT e Spotify Wrapped.
A semana pasada tiveron lugar dous eventos moi importantes en canto ao mundo dixital se refire. Por un lado, a intelixencia artificial da que levamos falando todos estes meses, o Chat GPT, soplou a súa primeira vela. E logo, a cita anual dos melómanos en redes sociais chegou a mans de Spotify Wrapped.
"É moi importante ter en conta que, aínda que o Chat GPT busca proporcionar información precisa e útil, non ten a capacidade de acceder a fontes en tempo real".
"O Spotify Wrapped é unha das estratexias de marketing máis importantes da plataforma".
"O Chat GPT marcou todo este ano e estamos seguros de que nos seguirá a sorprender nos futuros meses e anos".
O Chat GPT e algunhas das súas aplicacións en redes sociais
De seguro que temos escoitado falar do ChatGPT aínda que fose por accidente. Se a intelixencia artificial está en boca de todos, o ChatGPT é a estrela do momento. Pero que é isto de ChatGPT? É un modelo de linguaxe desenvolvido por OpenAI, baseado na arquitectura GPT-3.5. estas siglas significan "Chat Generative Pre-trained Transformer", o que significa que é un modelo de linguaxe xerativo preentrenado.
Todo isto quere dicir que é un sistema capaz de participar en diálogos, respondendo preguntas, proporcionando información e mantendo conversacións coherentes.
Esta capacidade para xerar respostas conséguese cun adestramento con grandes cantidades de datos de texto recollidos de diversas fontes en internet. Pero non só para ter ese coñecemento, senón tamén para aprender patróns lingüísticos, estruturas gramaticais e contextos temáticos.
Iso si, é moi importante ter en conta que, aínda que busca proporcionar información precisa e útil, non ten a capacidade de acceder a fontes en tempo real -é dicir, non é quen de navegar por Internet nin abrir enlaces- e o seu coñecemento vai ata os datos recollidos en xaneiro de 2022.
Aínda que debemos empregalo con responsabilidade, é certo que o Chat GPT pode ser unha ferramenta moi boa para as nosas redes sociais. Por que? Porque nos aforra tempo e recursos.
✔️ Brainstorming. Quizais como usuario regular non necesitemos unha choiva de ideas de contido, pero se publicamos regularmente porque somos un negocio ou porque nos adicamos á xestión profesional de redes sociais, empregar ao Chat GPT para que nos dea unhas cantas ideas non está de máis. Pode que teñamos un eixe central do que queremos publicar, pero non unha idea específica. Por exemplo: probamos a dicirlle que nos dese 10 ideas de contido para o Instagram dunha tenda de accesorios na Estrada e díxonos cousas como: “comparte imaxes ou vídeos destacando os últimos accesorios que chegaron á tenda”, “mostra como combinar diferentes accesorios para crear looks únicos e atractivos”, “anuncia ofertas especiais ou descontos exclusivos para seguidores de Instagram” ou “destaca accesorios que reflexen o estilo único da Estrada ou estean inspirados na cultura local”.
✔️ Interacción e comunicación. Seguindo un pouco coa idea do brainstorming, o chat tamén nos pode dar consellos ou ideas para interactuar coa audiencia que poden encaixar co noso ton e estratexia en redes. Por exemplo, nós pedímoslle que nos propuxese como interactuar coa audiencia dunha tenda de electrodomésticos durante o Nadal e díxonos cousas como “realizar demostracións en vivo de como empregar diferentes electrodomésticos para preparar receitas de Nadal” ou “informar aos clientes dos novos produtos que poderían ser útiles para a tempada de Nadal”.
✔️ Formatos. Podemos darlle un contido ou as ideas de un texto que queremos e pedirlle que nolo reformule en táboas, guións, o resuma ou mesmo código. No caso das redes sociais, cando imos un pouco apuradas de tempo, a nós axúdanos moito darlle un copy e dicirlle simplemente “engade emojis”. Aínda que, iso si, non sempre os engade como nós temos en mente.
✔️ Hashtags. Aínda que hai moitas plataformas que nos ofrecen cancelos que poden ser relevantes para a nosa marca, o Chat GPT tamén nos pode dar algunha que outra idea. Por exemplo, por aquí pensamos en preguntarlle sobre que palabras clave podería usar Radio Estrada e deunos vinte propostas entre as que podemos mencionar #RadioEstrada, #EmisoraLocal, #MúsicaAEstrada, #CulturaLocal, #ConectandoAEstrada, #VozDeAEstrada #EstradaAoAire ou #OndasLocais.
Spotify Wrapped, o ego e o user generated content
Seguramente moitos de nós vimos inundadas as nosas redes sociais con stories de usuarios e usuarias que compartían un resumo dos seus top 5 de artistas e top 5 de cancións máis escoitadas durante o 2023 na Spotify. E é que a plataforma de streaming musical leva dende 2016 ofrecéndolle aos seus oíntes unha síntese de todo o contido que reproduciron. Comezou sendo algo sinxelo e, dende fai unhas cantas tempadas, convertiuse nun vídeo perfecto para compartir en redes sociais, tanto polas súas dimensións como polas facilidades que dá a propia aplicación para compartir nas diferentes plataformas dixitais nas que esteamos rexistrados.
E é que todo isto non é un feito deixado ao azar: o Spotify Wrapped é unha das estratexias de marketing máis importantes da plataforma.
✔️ Compartir quen somos. As redes sociais creáronse para compartir contido cos nosos seres queridos, mostrar eses instantes ou esas cousas que nos acontecen e que nos gustan. Isto, precisamente, é un dos principais motivos polos que o Spotify Wrapped se comparte en redes: porque a música é unha construcción persoal. E, a moitos de nós, gústanos abrir esa pequena xanela -selectiva- da nosa identidade.
✔️ User generated content. O Spotify Wrapped aumenta a interacción, é innegable. Instagram está cheo de stories e Twitter de mencións. Sen ir máis lonxe, o hashtag #SpotifyWrapped contaba con 450 mil mencións o pasado venres. É dicir, Spotify crea uns resumos maravillosos coas súas bases de datos e, os seus máis de 500 millóns de usuarios, facemos o resto do traballo promocional.
✔️ O FOMO. O FOMO é un acrónimo que se refire ao "Fear of Missing Out", que en galego sería algo así como “medo a perderse algo”. O termo describe a ansiedade ou o temor que sente unha persoa ao pensar que está a perderse experiencias interesantes ou divertidas que outras están a ter. E en moitos casos, este medo está relacionado coas redes sociais, onde as persoas poden ver as actividades e eventos nos que participan os seus amigos e poden sentirse presionadas por non estar a participar neles. E, isto, dun modo ou outro, é algo que acontece con este resumo: todos queremos compartir que somos.
Sen dúbida, o Chat GPT marcou todo este ano e estamos seguros de que nos seguirá a sorprender nos futuros meses e anos polas súas aplicacións en redes sociais e noutras facetas do día a día. E, o Spotify Wrapped tamén nos dá unha boa sorpresa para rematar o ano.
Máis Información ACTUALIZADOS COMUNICACIÓN:
✔️Páxina Web: https://actualizadoscomunicacion.com/
✔️Facebook: https://www.facebook.com/actualizadoscomunicacion
✔️Twitter: https://twitter.com/actualizadoscom
✔️Instagram: https://www.instagram.com/actualizados_comunicacion/
️"SUSCRÍBETE" ao podcast.
MÁIS ENTREVISTAS: https://www.ivoox.com/podcast-salta-da-cama_sq_f1323089_1.html
Máis Información e outros contidos:
✔️Facebook: https://www.facebook.com/PabloChichas
✔️Twitter: https://twitter.com/pablochichas
✔️Instagram: https://www.instagram.com/pablochichas/
✔️Clubhouse: @pablochichas
✔️Twich: https://www.twitch.tv/pablochichas