En decembro “Aquí faltan páxinas” presenta a historia da brillante pianista e pedagoga viguesa
Sofía Novoa Ortiz, que conviviu coa xeración do 27 e chegou a colaborar con Alberti. De familia republicana e socialista, a guerra obrigouna a exiliarse nos Estados Unidos, onde alcanzou o éxito que lle foi negado na súa terra. Despois de dar clases de español na Universidade de Columbia, asentouse definitivamente no prestixioso Vassar College, onde tivo como alumna a Jacqueline Kennedy e onde defendeu o valor transversal da música nas súas aulas de Literatura e Cultura Española. Na súa honra, a Deputación de Pontevedra creou os Premios Sofía Novoa para fomentar a perspectiva de xénero nos traballos de fin de máster e de fin de grao da Universidade de Vigo. A sesión terá lugar o martes 26 de decembro, ás 19 horas, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, e a nosa convidada nesta ocasión será a tamén pianista e profesora de música
Carmen Losada, doutorada coa tese
Mujeres pianistas en Vigo. Del salón aristocrático a la Edad de Plata (1857-1936). Sofía Novoa, onde se estuda, por primeira vez en Galicia, a aparición de mulleres pianistas e o seu encaixe na sociedade burguesa de Vigo. É autora do libro
Sofía Novoa Ortiz. Pianista, pedagoga y exiliada, publicado polo Instituto de Estudos Vigueses, co que acaba de presentar, este mesmo ano, outro estudo baixo o título
Mujeres pianistas en Vigo. 1857-1936.