A colección Aquí Faltan Páxinas presenta en abril a xenial Maruja Mallo. Transgresora no vivir, no falar e no pintar, formou parte das Sen Sombreiro e conseguiu converterse nunha das figuras máis representativas da xeración do 27 e nun dos grandes expoñentes internacionais do surrealismo figurativo. Dalí definiuna como “metade anxo, metade marisco”. Lorca asegurou que os seus cadros son os que vira pintados “con máis imaxinación, emoción e sensualidade”. E María Zambrano dixo dela que cometeu un dos erros máis destrutivos e imperdoables: ser libre. A xestora cultural
Loli Docampo, gran coñecedora da súa traxectoria en Galicia, compartirá con nós unha sesión na que abordaremos o seu percorrido vital e artístico, poñendo especial énfase na súa relación coa vila de Bueu, onde a pintora se inspirou para realizar o que hoxe coñecemos como
Caderno de Galicia ou
Caderno de Beluso, que marcaría fortemente as obras da súa etapa americana. A sesión terá lugar o mércores 12 de abril, ás 19 horas, na sala nobre do Museo Massó, en Bueu, e contará coa presenza de familiares da artista.