‘Hai quen escolle os camiños máis longos’ é a última montaxe escénica da compañía Berrobambán. Un espectáculo inspirado no poemario do mesmo título, de Paula Carballeira, e coproducido pola compañía portuguesa Ponto de Fuga. A peza é o primeiro capítulo dunha ‘Triloxía do Bosque’ dedicada a explorar a rica simboloxía que agocha este espazo e cales son as súas implicacións no presente. Conversamos con Paula Carballeira, que codirixe a montaxe con Chiqui Pereira, e forma parte do elenco coas actrices portuguesas Bárbara Soares e Joana Saraiva.
A selección musical de Tito Lesende ábrese esta semana co último tema de Bala, ‘Prisas’, unha auténtica canción protesta que dispara contra a precariedade, as dificultades para acceder á vivenda ou o ritmo frenético da nosa vida. Outra cara da vida pona o ‘Meu amore’, de Sen Senra, unha declaración de amor a distancia. Completan a escolma ‘Un futuro sen ti’, o samba que comparten Lontreira e Berto e mais Nikki Hill, unha das participantes desta edición do Outono Codax.