#hoxeenArousaPontevedraDíaaDía
#de12a1430
A Xunta continúa realizando melloras de seguridade viaria na PO-531 entre Vilagarcía e Pontevedra.
Desta volta, trátase dun proxecto que se executará no lugar de Bretoña, no Concello de Barro que acaba de sair a exposición pública no Diario Oficial de Galicia cun orzamento de 1,6 millóns de euros, incluídas as expropiacións necesarias.
A actuación implica a construcción dunha glorieta e un paso inferior que permita o paso de peóns dun lado a outro da estrada.
Asimesmo, crearanse dúas paradas de bus, instalaranse beirarrúas e reforzarse o firme. Tamén se renovará o drenaxe lonxitudinal e se mellorará o alumeado público, a sinalización viaria e as barreiras de seguridade.
A obra realizarase ao longo de 600 metros entre os puntos quilométricos 8+900 e 9+560, con anchos de carril mínimo de 3,50 metros. A glorieta terá un diámetro de 44 metros e 7 novos puntos de luz. O paso inferior terá unha lonxitude de 38,5 metros.
O proxecto atende así a unha demanda veciñal, tal como explicaban esta mañá o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Cores Tourís, e o xefe da Axencia de Infraestruturas en Pontevedra, Manuel Ángel González Juanatey na presentación dos traballos.
Tamén estiveron presentes o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes e veciños da parroquia.
Os traballos inclúense dentro do programa operativo FEDER 2019-20, e en particular, dentro da acción de fomento de estratexias de redución do carbono e da mellora da seguridade viaria.