#hoxeenArousaPontevedraDíaaDía
#de12a1430
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitaron esta mañá o grupo Linamar, situado no porto de Tragove, en Cambados, e que resultou beneficiario dunha achega da Xunta para mellorar os seus procesos de produción e venda.
Concretamente, a empresa recibiu unha subvención por importe de máis de 3,3 millóns de euros dirixida a lanzar novos produtos innovadores e introducir novos sistemas de xestión, organización e medidas de aforro enerxético.
Linamar está dedicado á transformación e comercialización de moluscos frescos e elaborados de Galicia, especialmente ao mexillón, e emprega a 150 persoas directa e indirectamente.
A empresa conta cun centro de depuración, salas de elaboración, peiraos de carga refrixerados e maquinaria de última tecnoloxía para o envasado dos produtos.
Ademais, foi pioneira en desenvolver o envasado en atmosfera protectora para o mexillón, cun sistema novidoso que amplía a vida útil do produto e garante unha maior caducidade mantendo a súa calidade e frescura. Actualmente a empresa centra a súa estratexia no lanzamento de produtos elaborados de mexillón de V Gama.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou ao grupo a satisfacción da Xunta polo traballo realizado.