Portos de Galicia, está a traballar no impulso á chegada a Galicia de novas modalidades de navegantes procedentes do norte de Europa e concretamente de Alemaña, Noruega, Suecia, Estonia, Letonia, Lituania e Polonia.
Para iso, o presidente do ente público, José Juan Durán, mantivo diferentes reunións de traballo con entidades europeas no marco do salón náutico Boot Dusseldorf, celebrado na cidade xermana.
Durán Hermida mantivo encontros con asociacións de navegantes do Rhin e do Mar Báltico que reúnen a decenas de navegantes, fundamentalmente de embarcacións a vela, especializados en modalidades como os rallies náuticos, as regatas ou os intercambios entre diferentes costas. O obxectivo de Portos de Galicia é captar para os peiraos da nosa comunidade estas expedicións.
O presidente de Portos presentou a todos estes interesados a oferta náutica galega, facendo fincapé na calidade dos servizos e a situación estratéxica de Galicia nas rutas de navegación de norte a sur de Europa.
Ademais presentou a proposta de Cruceiros Costeiros, unha iniciativa de cabotaxe interno polas rías galegas enmarcada no programa europeo Ecodestin. Así mesmo fixo entrega de diverso material promocional que recolle os servizos e prestacións dos peiraos deportivos de titularidade autonómica e estatal da comunidade, como a Guía Básica de Servizos Náuticos, editada en galego, español, inglés e francés.