#hoxeenArousaPontevedraDíaaDía
#de12a1430
A EOXI de Pontevedra e O Salnés ven de ampliar a cobertura asistencial da unidade de Hospitalización a Domicilio -HADO- do Hospital do Salnés, que leva dez anos en marcha.
A iniciativa supón o incremento dun novo vehículo específico e un novo facultativo, co que se amplía a dotación ata os tres coches, tres médicos e tres enfermeiros.
Deste xeito, o servizo de HADO aumenta a súa cobertura aos concellos de Cambados, Illa de Arousa e Ribadumia, que carecían de atención a domicilio.
A unidade permite a determinados pacientes abandoar o centro antes de ser dados de alta, para continuar co tratamento no seu fogar. Ao longo deste tempo, miles de pacientes da área sanitaria de Arousa recibiron a asistencia e servizo domiciliario dos profesionais que integran esta Unidade do hospital arousán.
Así o explicaba esta mañá a doctora Fernández Arruty, na presentación da nova cobertura, acompañada de profesionais da Unidade de Hospitalización á Domicilio.
Concretamente, o balance asistencial de 2017 revela que a unidade de HADO do Hospital do Salnés efectuou un total de 1.536 visitas domiciliarias de índole médica e de enfermaría. Así mesmo, esta unidade atendeu 1.166 consultas telefónicas a un total de 239 pacientes durante o pasado ano, cunha estadía media de ingreso domiciliario de 11,1 días.
Os controis e informes desta prestación asistencial revelan que máis do 95 por cento dos usuarios amosa a súa satisfacción con esta unidade do Hospital do Salnés. A maioría dos pacientes que reciben a súa alta volven chamar aos profesionais da unidade HADO para consultar dúbidas.
Ademais de pasar revisión e facer curas, os profesionais de HADO levan aos domicilios todo o que precisan os enfermos, tal e como recibirían a asistencia se estiveran fisicamente atendidos nas dependencias do Hospital do Salnés.
Así, aportan dende gasas, soros ou cueiros, ata complementos alimenticios e toda clase de medicamentos, cuxas doses márcanse nun informe xunto cos números de teléfono aos que se poden dirixir as familias en caso de dúbida ou urxencia.
Tamén se efectúa un historial do enfermo para que, no caso de que sexa precisa a atención do 061 ou calquera outro servizo de emerxencias, os profesionais coñezan a súa situación.