O temporal con fortes ventos e precipitacións provocou danos destacados no Concello de Sanxenxo, onde sobre as 10 horas da mañá se chegou a xerar un tornado que se levou por diante, por terceira vez, un tramo do paseo de madeira de A Lanzada, que acabou no entorno do colexio de Noalla.
Dado que a situación se repite, o alcalde Telmo Martín xa reiterou á Xunta a necesidade de que o paseo se reconstrua cun material máis resistente para evitar perigos como o de hoxe.
Asimesmo, as fortes ráfagas de vento romperon as chapas do pabillón deportivo do centro educativo, que foi evacuado por seguridade.
As clases quedaron suspendidas para a xornada de mañá e se estuda a posibilidade de retomalas o venres.
O tornado ocasionou tamén numerosos destrozos noutros puntos do municipio, como en Vilalonga, onde o vento levantou os tellados de vinte vivendas e de dúas naves industriais.
Ademáis, o temporal tamén é o causante do apagón eléctrico rexistrado ás 9.40 horas que afectou a máis de 2.500 abonados, debido a un incendio no transformador de Noalla.
Tamén se tiveron que realizar intervencións por balsas de auga debido ás intensas chuvias.
Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais, agás a atención sanitaria a unha persoa de idade que presentaba un estado de nerviosismo ao ver levantado o tellado da súa vivenda.
Tras avaliar todos os desperfectos, os equipos municipais de obras e emerxencias están xa traballando na reparación dos danos, tal como explicaba o alcalde Telmo Martín.
O fenómeno foi detectado por Meteogalicia, ainda que se descoñece a intensidade concreta, xa que non hai unha estación no punto.
En todo caso, os ventos rexistrados no entorno de Sanxenxo, onde o tornado entrou pola zona de Portonovo, foron de 107 kms por hora en Cabo Udra, 90 kilómetros por hora en Ons e 73 kilómetros por hora en A Lanzada.