Os tránsitos náuticos incrementáronse un 9% este ano nos portos deportivos das Rías Baixas e un 7% nos de Galicia.
Son cifras que desvelaba esta mañá o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha visita ao porto de Pedras Negras en O Grove para facer balance da actividade náutica anual.
O presidente de Portos lembrou que deste xeito, a comarca das Rías Baixas e a provincia de Pontevedra confirman a consolidación desta actividade portuaria que experimentara xa nos pasados anos un importante ascenso e que no que vai de verán está a manter os bos resultados.
Así mesmo realizou balance económico do volume de negocio xerado por esta actividade. Durán Hermida indicou que en toda Galicia, a cifra de volume de negocio no sector auxiliar da náutica e o sector servizos das vilas portuarias superou os 2,5 millóns de euros, e máis de 1,7 millóns no referido á provincia de Pontevedra.
Ante as cifras rexistradas, que van en consonancia coas dos últimos anos, Portos de Galicia mostra a súa satisfacción pola constatación da consolidación dunha actividade de importante impacto económico non só no sector portuario e náutico, senón no conxunto das vilas que acollen instalación náutico recreativas.
Para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica.
Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional, como a súa presenza recente nos salóns náuticos de La Rochelle e París, en Francia, ou a súa próxima participación en Fitur 2018.