A nova piscina de Cambados e o seu complexo deportivo de O Pombal será unha realidade a finais do ano que ven,
A Deputación adxudicou a obra á UTE Prace Servicios e Obras e Copsesa por 846.744,99 euros o que supón unha pequena rebaixa do 0,5 por cento sobre o prezo de licitación
A próxima Xunta de Goberno da Deputación porá fin ao trámite administrativo do proceso.
Así o anunciaba esta mañá a presidenta provincial, Carmela Silva.
O novo proxecto contempla as obras necesarias para corrixir as deficiencias e incluirán a substitución da cuberta do complexo dada a deficiencia en transmitancia térmica que presenta e así como a actualización das instalacións de climatización do complexo deportivo.
O novo edificio integrarase no espazo urbano colindante reducindo o impacto ambiental, mellorarase o confort térmico, unificaranse o vaso e a praia da piscina cos espazos lindeiros para así mellorar a resposta funcional deste espazo e modificarase o peche para que limite a demanda enerxética que se precisa para acadar o benestar térmico.
Con esta reforma tamén se mellorará a eficiencia das novas instalación para así cumprir coa normativa aplicable grazas á instalación de sistemas de eficiencia enerxética que reducirán o consumo enerxético mediante o control e a regulación da temperatura, a mellora do sistema de iluminación coa integración de equipos altamente eficaces e con sistemas de control e integración de luz natural e a mellora do sistema de xeración da auga quente sanitaria e o de quecemento da auga da piscina.