A Xunta reivindica que Galicia é o mellor lugar para acoller o Laboratorio Comunitario de Referencia para o Control de Bivalvos, sempre e cando se materialice unha candidatura unida en coordinación co Goberno de España.
Así o afirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, durante a súa intervención esta mañá en Vilaxoán no acto de celebración do 25 aniversario do Intecmar, o Instituto para o control do Medio Mariño.
Como argumentos para defender a idoneidade de Galicia, Feijoo referiuse ao liderado da Comunidade en produción de bivalvos, á traxectoria investigadora e á ocasión de seguir ampliándoa a través do Intecmar e ao traballo para dar unha resposta coordinada aos retos do brexit no eido da pesca na Unión Europea.
A xuízo do presidente, estes son os mellores avais para conseguir oficializar a condición de referentes no estudo dos bivalvos.
“Se traballamos unidos, se facemos fincapé na coordinación co Goberno de España e se somos capaces de explicar o que facemos e a nosa experiencia conseguiremos oficializar a nosa candidatura”, abundou, incidindo en que este obxectivo non se podería formular sen a traxectoria e o traballo do Intecmar.
No acto estivo tamén presente a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que, por momentos emocionada, resaltou o traballo dos traballadores do Intecmar.