As obras de humanización da Avenida Luis Rocafort de Sanxenxo comezarán o 1 de marzo e será a Unión Temporal de Empresas (UTE) Nexia-Ors a encargada de realizar os traballos.
A adxudicación definitiva da actuación será aprobada o próximo venres pola Deputación cun prazo de execución de seis meses.
A súa oferta económica foi de 1.256.062 euros, que supón unha reducción do 23,9% con respecto ao orzamento de licitación inicial, financiados nun 70% pola Deputación e nun 30% polo Concello.
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, reuníronse esta mañá para acordar a metodoloxía das obras que, a petición do goberno local, non inteferirán durante o período estival.
De tal xeito que os traballos comezarán o 1 de marzo polo marxe esquerdo, subindo dende Silgar, nun tramo que quedará rematado no mes de xuño.
Nese momento paralizaranse as obras e o proxecto pendente retomarase o 15 de setembro.
A medida permitirá que nos meses de verán, nos que a afluencia de turistas e a poboación en Sanxenxo se multiplica, a zona quede en situación ordenada e non impida o disfrute dos veraneantes.
Asimesmo, mudarase a especie arbórea existente por recomendacións dos técnicos da Estación Fitopatolóxica Areeiro.
O proxecto contempla beirarrúas con longos de entre 2,5 e ata seis metros, velocidade limitada a 30 quilómetros hora, a instalación de máis de 60 luminarias para garantir a seguridade viaria, a construción de cinco pasos de peóns sobreelevados e outras cinco plataformas elevadas nas interseccións, a colocación de estacionamentos de bicicletas e motocicletas, así como novo mobiliario urbano e máis de medio centenar de árbores, entre outras melloras.
Outra das novidades é que se urbanizará a totalidade da vía, incluíndo a conexión coa PO-308, aínda que se descartou tamén o túnel baixo a rotonda ideado no seu día polo anterior goberno provincial
En cambio, actuarase en 100 metros máis de lonxitude (ata os 575) e en case 3.000 metros cadrados máis de superficie.
Os detalles do plan de execución contábaos esta mañá o deputado provincial tralo encontro co rexedor de Sanxenxo nunha rolda de prensa que recollemos en AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA.